As empresas dos parques científicos e tecnolóxicos españois aumentan un 20%, o emprego 5% e a facturación un 9%

Os parques membros da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), entre os que figura Tecnópole, pecharon o pasado ano cun total de 7736 empresas e entidades instaladas nos seus recintos, o que supón unha suba do 19,9% respecto ao ano anterior. Do total de empresas, 314 son de capital estranxeiro e 974 son empresas en incubación, con menos de 3 anos de antigüidade. Ademais, os parques sumaron 910 entidades, entre empresas de nova creación e instaladas nos parques.

O emprego tamén mellorou significativamente incrementándose en 4,8% o número de traballadores nos parques, datos que se traduce en 158.950 empregados, dos cales o 19,6% son empregados cualificados, é dicir, 31.243 persoas especializadas en tarefas de investigación e desenvolvemento (I+D), o que supón un aumento do 0,8% con respecto a 2014. O 61,3% dos empregados son homes e o 38,6% son mulleres.

A facturación das empresas tamén experimentou un avance moi significativo con respecto ao pasado ano, alcanzando a cifra de 24.427 millóns de euros facturados, un 9,4% máis que en 2014.

Así mesmo, durante o ano 2015 os parques acumularon un investimento en actividades de I+D de 1228 millóns de euros, cifra que supón un aumento do 10,4%.

O ranking de sectores produtivos onde os parques aglutinan maior número de empresas segue estando liderado polo sector TIC co 22,7% das empresas, seguido polo sector Enxeñería, Consultoría e Asesoría co 18,8% e o sector Medicina e Saúde co 6,5%. No apartado de patentes, as entidades instaladas nos parques operativos de APTE obtiveron 491 patentes e solicitaron 291 ao longo do ano 2015.

Tecnópole na directiva

Estes datos fixéronse públicos durante a última asemblea xeral de APTE, celebrada a semana pasada en Almería. Durante a reunión, os parques renovaron o comité executivo, que nos próximos dous anos estará presidido por Felipe Romera, en representación do Parque Tecnolóxico de Andalucía (PTA) e que está composto por 14 membros máis, entre os que se atopa Ricardo Capilla, director de Parque Tecnolóxico de Galicia.

Na asemblea tamén se presentaron os datos estatísticos que elabora cada ano a asociación e que serven para analizar a evolución dos parques científicos e tecnolóxicos españois, datos que resultan moi positivos no último exercicio. APTE finalizou 2015 cun total de 69 membros: 49 parques científicos e tecnolóxicos Socios, é dicir, plenamente operativos; 16 Afiliados; 2 entidades Colaboradoras e 2 membros Socios de Honra.

(Fonte: APTE)