A cadea monte-industria é un sector en alza. Demóstrano os datos de facturación das empresas que están asociadas ao Clúster da Madeira, que alcanzaron o ano pasado os 1774 millóns de euros. A cifra non só representa un 18% máis que no exercicio anterior, tamén equivale ao 90% da facturación total do sector.
Estes datos foron facilitados durante a asemblea anual da entidade. O acto foi clausurado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e polo presidente do Clúster, José Manuel Iglesias, que debateron sobre o camiño que debe seguir un sector que, como dixo o xefe do Goberno galego, «ten como obxectivo chegar aos 2700 euros de facturación anual». Durante a súa intervención tamén explicou que Galicia, cun 70% da superficie forestal, «é unha potencia na xeración de materia prima, na creación de riqueza e emprego e na capilaridade da propiedade forestal, como amosa o dato de que unhas 80.000 familias viven directa ou indirectamente do monte». E lembrou algúns dos obxectivos do Plan Forestal, como o de alcanzar os 12 millóns de metros cúbicos de curtas para poder cubrir a crecente demanda de materia prima.
Na asemblea falouse de como as compañías se enfrontan a un escenario favorable que debe ser aproveitado polo sector, «debido ás oportunidades que ofrece a bioeconomía, que abre infinitas posibilidades para as empresas». A outra cara da moeda é a incerteza que sobrevoa sobre a economía nun contexto de elevadas taxas de inflación «que repercutirán negativamente no desenvolvemento da actividade».
José Manuel Iglesias destacou a importancia de que toda a cadea de valor traballe en conxunto e de que os recursos forestais sexan xestionados dun xeito adecuado, aproveitando as «magníficas condicións» que ten Galicia para a produción de madeira. Pero tamén advertiu que hai que pór maior atención ao que demanda o mercado e á xeración de valor para fortalecer toda a cadea en conxunto. De aí, engadiu, a importancia de pór os ollos no deseño industrial, «que debe de ser a etiqueta das empresas».
Fonte: La Voz de Galicia