As empresas de Tecnópole infórmanse sobre a rede de vixilancia tecnolóxica Enterprise Europe Network

As empresas de Tecnópole tiveron ocasión hoxe de informarse sobre as posibilidades da rede europea Enterprise Europe Network nun almorzo tecnolóxico organizado por Parque Tecnolóxico de Galicia. Esta rede está xestionada no Noroeste peninsular polo consorcio Galactea Plus, ao que Galicia se sumou a través do centro tecnolóxico CIS-Galicia.

A Enterprise Europe Network é a nova rede europea de apoio ás empresas creada pola Comisión Europea a principios de 2008 co obxectivo de integrar os servizos que ata esa data prestaban as redes de Centros de Enlace para a Innovación e os Euro Info Centros.

Galactea Plus asistirá os investigadores e empresas que queiran colaborar para dar saída aos resultados da investigación e mellorar a súa competitividade respectivamente, ademais de ofrecer información para mellorar a posición das empresas do noroeste de España no mercado interior europeo. O consorcio aspira a trasladar ás pequenas e medianas empresas as ideas que poden ser de utilidade para competir e para aproveitar as oportunidades económicas e vantaxes que ofrece Europa.

Tal e como se expuxo na xornada celebrada en Tecnópole, CIS Galicia dedícase, no marco do consorcio e a rede, á promoción da transferencia de tecnoloxía transnacional, a explotación dos resultados de investigación e o fomento de iniciativas comúns de innovación entre as empresas galegas.

A rede está integrada por preto de 500 organizacións que operan en case 40 países europeos para ofrecer unha cobertura de calidade a empresas e investigadores na súa busca de socios axeitados e fiables para desenvolver novos produtos ou servizos.

Dobre fluxo de información

O funcionamento práctico da rede establécese mediante un dobre fluxo de información. Por un lado, a entrada e saída de oportunidades tecnolóxicas. As empresas poden darse de alta no servizo indicando en que temáticas están interesadas. A partir dese momento, recibirán alertas de oportunidades tecnolóxicas (ofertas e demandas) de todos os países da Unión Europea, ademais de Noruega, Islandia, Macedonia, Suíza, Turquía, Israel, Armenia e Chile.

Por outro lado, CIS-Galicia actúa como intermediaria para a difusión das ofertas e demandas tecnolóxicas e os resultados de investigación das empresas galegas a través da Enterprise Europe Network, facendo posible que esta información chegue ao ámbito empresarial da UE e os demais países asociados.

Ademais, como membro da rede, cada empresa terá a posibilidade de participar en mesas redondas, grupos temáticos, encontros empresariais, etc.

A información sobre o consorcio e a rede pode ampliarse en www.galacteaplus.es ou contactando con Rosa Freire, do CIS-Galicia, no 981337173.