As empresas de San Cibrao xeran un volume de negocio de 1406 millóns

Máis de medio século despois do seu nacemento, o polígono empresarial de San Cibrao das Viñas evidencia ter unha boa saúde. Os resultados dun informe elaborado nos últimos meses por profesionais da facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense demostran con cifras que o recinto é hoxe por hoxe o principal piar industrial da provincia.

Así, son 432 a empresas que actualmente desenvolven a súa actividade neste polígono, un dato que o converte no maior dos principais parque industriais galegos. Supérao en número de empresas o da Grela, na Coruña, pero neste recinto o peso empresarial é menor que o que ten San Cibrao, segundo destaca o estudo, elaborado a petición da propia asociación de empresarios do polígono ourensán.

En canto movemento financeiro que xeran esas compañías, o informe estima que se chega aos 1400 millóns de cifra de negocio. Deles ao redor de 400 millóns xéranos as que pertencen a grandes grupos como Faurecia, Cie automotive, Finsa ou Coren. Importante é tamén o volume de traballadores que concentra a zona, que ascende unha media anual de 8500. Esta cifra representa o 12,2% de todo o emprego que xeran os dez asentamentos empresariais máis dimensionados de Galicia, explica o estudo, que cifra en 70.000 empregos directos os que se impulsan dende estes recintos.

E lonxe de ser un polígono homoxéneo, resulta que son 612 as actividades económicas diferentes que se localizan en San Cibrao. A máis potente é a que ten que ver coas reparacións e a hospedaxe, que alcanza un 43,83%. Ségueo a industria, cun 23,82%, e os servizos a empresas e alugueres, con outro 17%.

Empresas dedicadas á auga e a enerxía, á construción ou ao transporte e as comunicacións teñen tamén presenza na zona, sendo esa diversidade, precisamente, un dos seus puntos fortes. Así, o estudo recoñece que na zona conviven empresas de sectores tradicionais con sociedades inspiradas nas últimas tendencias da nova economía, e explica que esas diferenzas quedan tamén “reflectidas na distribución da dimensión dos centros de traballo”.

Presta tamén atención o informe ás dimensións da zona, que ten 4,8 millóns de metros cadrados e neste parámetro si que é líder absoluto en Galicia. Nese terreo aséntanse 439 parcelas das que 388 están edificadas. O grao actual de ocupación é do 88,4%, o que significa que hai empresas en 4,3 millóns de metros de chan.

O informe O polígono en cifras incorpora detalles sobre os recursos humanos que teñen as empresas asentadas en San Cibrao, consecuencia en moitos casos de enquisas realizadas entre as interesadas. Resultado desas consultas estableceuse que o 67,34% dos que traballan no recinto é homes.

Os máis cualificados, en Tecnópole

Ese 32,66% restante que representa as mulleres podería ser considerado como unha mostra de que a presenza feminina é aínda menor na zona, pero o estudo destaca que se trata dun dato que supera en seis puntos a porcentaxe de emprego feminino para o sector da industria, tanto en España como en Galicia. Iso si, se só se mira aos directivos a cousa cambia, xa que a presenza de mulleres se reduce ata o 29%. Así as cousas, sete de cada dez directivos do recinto empresarial son homes.

En canto á formación, o 27% dos traballadores do polígono industrial ten estudos superiores, unha porcentaxe que repunta cando só se analiza ás situadas na Tecnópole, onde alcanza o 47,2%.

Coñecer a situación real na que se atopan as firmas e as súas expectativas era outro dos obxectivos do estudo, cuxos resultados sinalan que o 48% das consultadas tiveron no 2017 un ano favorable. Respecto ao actual, o optimismo redúcese unhas décimas. Menos do 5% cre que será un ano malo.

(Fonte: La Voz de Galicia)