As empresas da Tecnópole contarán con asesoramento gratuíto para cuestións relacionadas coa propiedade industrial grazas ao convenio de colaboración asinado nas instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia (Ourense) polo director xeral de I+D+I da Consellaría de Innovación e conselleiro delegado do Parque, Salustiano Mato, e o director xeral da consultora Clarke, Modet e Compañía, Alejandro Klecker de Elizalde.
Esta actuación está relacionada co interese da Tecnópole por ofrecerlles ás súas empresas as ferramentas necesarias para que xestionen axeitadamente a protección da súa propiedade industrial e intelectual, os dereitos vinculados e as subvencións asociadas. Ademais, o convenio contempla o desenvolvemento de xornadas divulgativas sobre o tema para contribuír á posta ao día dos coñecementos dos empresarios e emprendedores do Parque Tecnolóxico acerca destes recursos.
A alianza con esta consultora débese a que está especializada no asesoramento, xestión e tramitación de patentes, marcas, deseños industriais, dereitos de autor, contratos de transferencia de tecnoloxía, know-how e secretos industriais, dominios e, en xeral, calquera dereito relacionado coa propiedade industrial e intelectual. A empresa conta cunha rede de oficinas propias en España e de filiais en Portugal e Iberoamérica.
Desconto nas xestións
Os servizos gratuítos contemplados no acordo, que terá unha vixencia inicial de un ano, inclúen o asesoramento previo sobre os requisitos necesarios para a tramitación do rexistro de marcas e patentes nacionais, comunitarias e internacionais; información para a solicitude de rexistro dun dominio en internet; asesoramento no rexistro da propiedade intelectual; etc.
As empresas da Tecnópole terán acceso ao asesoramento por vía telefónica ou correo electrónico, pero poderán solicitar tamén consultas presenciais que serán atendidas in situ por persoal especializado de Clarke, Modet e Compañía.
Para o resto de actuacións derivadas, nas que se desenvolva xa un traballo de xestión e de tramitación, as empresas terán un desconto do 10% sobre as tarifas habituais.