As empresas da Tecnópole comezan a practicar a innovación aberta a partir dun orixinal encontro baseado nos cinco sentidos

n

As empresas e centros de coñecemento instalados no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole iniciaron hoxe unha nova dinámica baseada na innovación aberta para enriquecer os seus novos proxectos grazas á colaboración externa. A experiencia púxose en marcha esta mañá grazas á iniciativa da sociedade xestora da Tecnópole, que organizou para elas un encontro baseado en estimular a innovación aberta mediante estímulos sensoriais.
n

n

n

nNo evento, titulado ‘5 Sentidos para Innovar’, participaron as 90 empresas e centros de coñecemento actualmente instalados na Tecnópole, que tiveron ocasión interrelacionarse e compartir coñecementos e oportunidades para colaborar en proxectos innovadores. A orixinal formulación do encontro empresarial mereceu o apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), que a seleccionou como acción subvencionable no marco do seu Programa de Fomento da Cultura Científica e da Innovación.
n
nO encontro foi deseñado co obxectivo de lograr que os empresarios se introduzan na lóxica da innovación aberta, que implica que os procesos de innovación saian dos departamentos de I+D das empresas para dar lugar a dinámicas baseadas na colaboración, é dicir, permitir que a innovación proceda de fóra da organización (de clientes, provedores, etc.). En concreto, para favorecer a interrelación e o desenvolvemento de negocio entre as empresas e os centros de coñecemento da Tecnópole, o encontro de hoxe buscou propiciar un fluxo de innovación aberta entre as organizacións que teñen os seus centros de traballo no recinto.
n
nCon este fin, habilitouse un espazo pensado para estimular cada un dos cinco sentidos e orientado a crear unha predisposición positiva a compartir, colaborar e abrir a mente a novas posibilidades. Nese espazo interviñeron de maneira sucesiva empresarios da Tecnópole e expertos en innovación.
n
nDurante a clausura do encontro, a directora da Tecnópole, Luisa Pena, anunciou que nas próximas semanas entrará en funcionamento un portal web no que se dará continuidade ás experiencias de innovación iniciadas esta mañá e que permitirá o xurdimento doutras novas, mediante un sistema de intercambio de intereses e un soporte experto ás empresas e centros de coñecemento participantes.
n
nDisparador de ideas de negocio
n
nO núcleo do encontro foi a posta en marcha de dinámicas novidosas asociadas ao proceso natural dos sentidos co obxectivo de favorecer o coñecemento mutuo entre as empresas participantes para poder identificar alianzas baseadas na innovación. Neste ámbito, os representantes de cinco empresas (Coasa, Itega, Gaélica Solar, Kinetika Innovacións Estruturais e Ingeo), un centro tecnolóxico (Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia) e a Cámara Oficial de Comercio de Ourense fixeron roldas rápidas de presentacións en seis minutos no espazo oído durante as que expuxeron as claves da súa actividade e compartiron as súas demandas de tecnoloxía para abrirlles así o camiño a provedores do seu ámbito máis próximo.
n
nParalelamente, varios expertos protagonizaron intervencións provocadoras no espazo tacto co obxectivo de romper coa percepción convencional da innovación.  Os responsables do centro tecnolóxico Gradiant e da empresa Dnet, Luis Álvarez Sestelo e Manuel Montes, expuxeron claves prácticas para practicar a innovación aberta con base na experiencia adquirida en proxectos comúns. Unha das ideas chave que defenderon foi a necesidade de compartir para innovar, filosofía que eles mesmos puxeron en práctica co seu disparador de ideas de negocio. Esta iniciativa supuxo que os dous expertos compartisen ideas rendibles e factibles que aínda ninguén puxo no mercado e invitasen aos empresarios da Tecnópole a explotalas libremente.
n
nPola súa banda, o fundador de Bridge Mediatech, Andrés Mazaira, lanzou unha reflexión sobre os custos económicos do valor engadido. Marcos Pérez, organizador do evento TEDxGalicia (que este ano terá lugar na Tecnópole) e Daniel Álvarez, fundador do Instituto Ben Pensante, foron os encargados de cuestionar paradigmas en sesións nas que fomentaron a participación dos empresarios asistentes, animados a respostar ante retos que lanzaron os expertos.
n
nOs espazos dedicados ao olfacto e o gusto estaban deseñados para facilitar a interacción entre os asistentes e para identificar potenciais alianzas entre eles. Como complemento destes, había un último espazo consagrado a un hipotético “sexto sentido”, entendendo este como a habilidade para innovar, no que se lanzaron continuos retos aos participantes para estimular a súa creatividade.

n