As empresas biotecnolóxicas de Galicia piden paso

Bioga é o clúster que agrupa ás 47 empresas e entidades galegas que se dedican á biotecnoloxía ou as ciencias da vida, un sector emerxente que en 2014 xerou 235 millóns de euros de facturación e dá emprego de moi elevada cualificación a 1400 persoas.

Galicia ocupa a sexta posición de España en presenza de empresas dun sector que no conxunto do Estado xera algo máis dun 7% do PIB. A comunidade, di a presidenta de Bioga, Carme Pampín, ten potencial para tirar proveito ás investigacións que se desenvolveron nas súas universidades pero bota en falta un plan estratéxico, como o aprobado no País Vasco -co dobre de empresas do sector que aquí-, máis chan industrial para instalarse e menos trabas burocráticas

Galicia é a quinta comunidade de España na que máis empresas (un 6,78%) usan biotecnoloxía, segundo un estudo do Instituto Nacional de Estatística sobre innovación de 2012. E a sexta en distribución de empresas do sector, cun 5% das que existen en España. Dentro deste sector atópanse firmas moi coñecidas en Galicia como o grupo farmacoquímico Zeltia ou Hifas da Terra, especializada en innovación con cogomelos; Galchimia -un laboratorio líder en España en Química Orgánica Sintética- e outras, como Amslab, outro laboratorio moi específico e especializado, que practicamente acaba de nacer.

A Real Academia Española define a biotecnoloxía como “o emprego de células vivas para a obtención e mellora de produtos útiles, como os alimentos e os medicamentos e o estudo científico destes métodos e as súas aplicacións”. Pero baixo esa terminoloxía hai un sector económico emerxente que xera o 7,15% do Produto Interior Bruto (PIB) de España e que en Galicia, unha comunidade na que aínda non existe ningunha industria farmacéutica como tal, factura 245 millóns ao ano e dá emprego a 1400 profesionais de elevada cualificación.

Entre elas está a coruñesa Centaury, especializada en terapias de uso veterinario; a química Galchimia ou a firma de nanopartículas metálicas Nanogap. É unha actividade cada vez máis diversa e transversal (toca diversos sectores) e talvez por iso, a asociación que os agrupa decidiu bautizarse Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga).

Como explica a presidenta de Bioga e conselleira delegada de Galchimia, Carme Pampín, a maioría das empresas do sector en Galicia son pequenas, naceron nas universidades e están dirixidas por investigadores. De aí que a maior parte dos socios do clúster (23) sexan das proximidades de Santiago, aínda que teñan presenza na Coruña (10), Pontevedra (13), Ourense ( 5) e Lugo (3). Salvo o grupo farmacoquímico Zeltia e a multinacional Lonza -ambas as dúas grandes firmas con sede no Porriño (Pontevedra)- a maior parte das empresas de Bioga teñen de 20 a 50 traballadores, aínda que tamén existe un grupo de firmas de recente creación sen apenas equipo.

Potencial de crecemento

Carme Pampín asegura que este sector ten potencial de crecemento en servizos de alto valor engadido, que casa ás mil marabillas coa cultura da innovación, que dende hai uns anos se coou no discurso político e económico. Os argumentos de Pampín e de todos os protagonistas do sector foron avalados recentemente pola Embaixada Británica en España que se interesou por captar empresas galegas dispostas a abrir mercado en Reino Unido. Algunhas, como Hifas da Terra, xa teñen alí a súa propia oficina. Nanogap abriuna en EEUU.

Galicia, segundo Pampín, ten as características para que este se converta nun dos sectores de futuro e impulse un novo modelo económico que escape do ladrillo e permita atraer e recuperar os cerebros fuxidos. “É unha industria que parte do coñecemento e aquí hai universidades con equipos de investigación moi profesionais. Houbo facilidades para o emprendemento hai 15 ou 20 anos e empezaron a crearse empresas”, relata.

Bioga lamenta, non obstante, que o Goberno central non dera “nin un só paso” para cambiar ese modelo ou impulsar a innovación, ao que se une o exceso de burocracia para montar unha empresa que no caso da biotecnoloxía vese agravada porque, por exemplo, a clasificación de actividades económicas (CNAE) carece dunha categoría que as defina. “Cando nós montamos a empresa, en 2001, non sabían nin a qué portelo da Administración tiñamos que dirixirnos”, explica sobre o caso de Galchimia. “Unha empresa ten un proxecto ou potencial nun momento determinado. Os clientes non poden estar a esperar meses a que remates os trámites”, engade.

A Xunta, admite Pampín, fixo cousas positivas para o sector como crear a Axencia Galega de Innovación, impulsar os proxectos colaborativos e o mantemento das axudas á I+D+i que noutras autonomías desapareceron. “Pero perdéronse moitos trens”, engade, e bota en falta máis financiamento da banca en Galicia e “sitio” para facer I+D+i. Bioga alerta da falta de chan industrial para implantar empresas e dos problemas para obter licenzas. “Coa cantidade de terreo baldío que hai, é incrible. Cataluña é a comunidade líder do sector porque sempre houbo industria farmacéutica pero vas a Barcelona e atopas sete polígonos industriais enlazados”, expón.

Outro dos espellos no que a Bioga lle gustaría mirarse é o do País Vasco, onde o Goberno elaborou un plan estratéxico para a biotecnoloxía cos sectores implicados e conseguiu que ata empresarios de sectores tradicionais apostasen por industrias biotech. “Son plans a longo prazo, non pode haber un cambio de rumbo cada catro anos, pero aquí é difícil. Non nos poñemos de acordo nin cos tres aeroportos, que aí están pero apenas hai voos que te leven a Europa en dúas horas”, quéixase.

(Fonte: La Opinión)