O estudo avalía o efecto da cinza de fondo para substituír ao cemento e o seu posible impacto ambiental a través dunha análise exhaustiva das súas condicións físicas, químicas e mineralóxicas, e conclúe que as calidades dese produto son unha opción sustentable para a construción.
Os investigadores empregaron cinzas derivadas da combustión dunha mestura de bagazo, residuos agrícolas e cultivo enerxético, que recolleron en bidóns onde foron secadas e trituradas porque, segundo explicou un deles, Bartolomé Carrasco Hurtado, “canto máis pequenas queden, a reactividade co resto de materiais será maior”. Máis tarde mestúranse con auga para desencadear a reacción entre o óxido de silicio e o hidróxido de calcio, o que dá como resultado os produtos cementantes.
“Esta base vexetal produce dous tipos de cinza, unha que permanece na primeira cámara de combustión e se deposita na parte inferior da caldeira, denominada cinza de fondo, e outro tipo composto polas partículas arrastradas polos gases de combustión que se depositan en filtros, é a cinza voante”, explicou Carrasco. A cinza voante “adóitase utilizar como fertilizante para cultivos, mentres que a de fondo supón un gasto inútil ata agora, xa que hai que retirala e remata no vertedoiro” pero grazas a esta investigación poderá ser reciclada tamén como produto para a construción.
O resultado da investigación foi testado baixo diversas normas nacionais e internacionais, grazas ao cal “probamos todas as proporcións de compoñentes e as que contan con mellores propiedades son as mesturas que inclúen a metade de cemento Portland e a metade de cinzas”. Os investigadores mediron tamén o posible impacto ambiental do material resultante: “reducimos o bloque a po e analizamos a súa composición de metais pesados e os nosos estudos apuntan que non superan os valores que establece a normativa”.
(Fonte: EFE Verde)