As Cámaras destinan 40 millóns de euros a fomentar a innovación das pemes españolas

As pemes españolas cada vez invisten menos en innovación, só no último ano, segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), o investimento en I+D sobre o PIB en España caeu no último ano do 1,39% ao 1,33%. Conscientes desta realidade, dende 2007, a través do Programa InnoCámaras, as Cámaras de Comercio dedican 40 millóns de euros para impulsar a adopción nas pemes de metodoloxías que permitan incorporar a innovación de modo sistemático á súa actividade habitual.

n
n

Nestes momentos, sinalou Mar Díaz, coordinadora do Programa InnoCámaras “o acceso ás pemes a créditos é moi difícil e a demanda interna débil. As empresas deben mirar ao exterior para sobrevivir, accedendo a mercados nos que o único xeito de competir é ofrecendo produtos e servizos que acheguen un valor engadido diferenciador. E isto conséguese principalmente a través da innovación, entendida como calquera cambio que, baseado no coñecemento e solución dun problema, xera valor”.

Ata a data, máis de 4500 empresas recibiron un Diagnóstico personalizado de Innovación, asesorados por un Titor cameral, quen os orientou sobre como mellorar a súa situación competitiva mediante a implantación de proxectos de innovación.

A segunda fase do Programa InnoCámaras (o apoio directo ao investimento en innovación, contando coa colaboración dun asesor especializado en Innovación) desenvolveu plans individualizados de apoio á innovación en case 2000 empresas. Adicionalmente, máis de 6000 empresas participaron nos 30 Foros de Innovación celebrados ao longo de todo o territorio nacional.

No marco do programa, homologouse a un total de 250 entidades expertas en Innovación que achegan coñecemento, criterio e asesoramento ás pequenas e medianas empresas participantes no proxecto.

Convén destacar que o 65% das empresas participantes en InnoCámaras contan con menos de 50 traballadores e que o 60% ten un volume de facturación inferior aos 500.000 euros. Isto propiciou que se poñan en marcha novas accións dirixidas á cooperación empresarial, de modo que as pequenas empresas poidan unir as súas forzas con potenciais socios estratéxicos de cara a poñer en marcha proxectos de innovación de maior calado.

Do mesmo xeito, iniciáronse diferentes iniciativas que melloran o Programa, adaptándose ás necesidades das empresas a través dunha metodoloxía que posibilita varias vías de actuación (por exemplo, a modalidade InnoCooperación ou EcoInnoCámaras que apoia as pemes con necesidade de innovar en proxectos de desenvolvemento sustentable).

Non obstante, o Programa InnoCámaras e por extensión, as Cámaras de Comercio participantes, continúan insistindo entre as pemes en que a innovación non está limitada ás grandes empresas, senón que o desenvolvemento de proxectos de innovación concretos é un elemento clave para manter unha posición competitiva no mercado.

Programa InnoCámaras

O Programa InnoCámaras, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, as Cámaras de Comercio e as Administracións Públicas, busca contribuír á mellora da competitividade das pequenas e medianas empresas, mediante a adopción dunha cultura a favor da innovación permanente para lograr un crecemento económico sostido.

Os obxectivos específicos son os de sensibilizar, propiciar e titorizar o cambio de actitude das peme, apoiándoas para superar as barreiras de entrada á innovación, á vez que reforzar a oferta de servizos á medida das necesidades das empresas no campo da innovación, apoiar o desenvolvemento de solucións innovadoras e a creación e formación dunha masa crítica de especialistas locais, contribuíndo, á súa vez, ao desenvolvemento do sector de consultoría e de servizos avanzados.

(Fonte: InnoCámaras)