As caixas de aforros galegas entran no accionariado de Tecnópole cun 41,56% do capital

Caixanova e Caixa Galicia son desde hoxe accionistas do Parque Tecnolóxico de Galicia –Tecnópole-, en virtude do proceso de ampliación de capital polo que cada unha delas asume o 20,78% dos títulos da sociedade e que foi ratificado esta mañá pola Xunta de Accionistas da entidade.

O proceso de ampliación de capital, cuxo inicio foi aprobado en xuño de 2008, supuxo a emisión de 2.200 novas accións, que se traducen nunha inxección de capital de 1,76 millóns de euros para Tecnópole. A Xunta de Galicia fixo o maior investimento, coa adquisición de 990 títulos, para manter a participación maioritaria na sociedade cun 45%. Cada unha das caixas de aforro galegas, as dúas novas entidades con representación no Consello de Administración, adquiriu 561 accións.

Acudiron tamén á ampliación de capital a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela, accionistas orixinarios que acadan así unha participación do 2%.

O accionariado de Tecnópole complétase cos membros que manteñen a súa participación inicial: o Instituto Ourensano de Desenvolvemento Económico (Inorde), a Cámara de Comercio de Ourense, os Concellos de Ourense e de San Cibrao das Viñas, a Universidade da Coruña, a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) e o sindicato UXT (Unión Xeral de Traballadores). Entre todos eles, representan o 9,44% do capital da Sociedade Anónima Parque Tecnológico de Galicia.

A entrada das caixas de aforros no accionariado de Tecnópole suporá, ademais da inxección de capital, o establecemento dun marco de colaboración máis amplo ca o xa existente entre estas entidades financeiras e o Parque Tecnolóxico de Galicia, e, por extensión, as máis de 80 empresas e centros tecnolóxicos que operan desde o seu recinto na actualidade.

Ampliación da superficie

A ampliación de capital está directamente relacionada co xa avanzado proceso de ampliación da superficie do recinto, polo que Tecnópole que pasará a ocupar case o dobre da actual: 939.625 metros cadrados sobre os 550.000 actuais.

A entrada de Caixa Galicia e Caixanova nesta fase decisiva de consolidación do recinto de innovación de referencia en Galicia representa un reforzo na aposta polo soporte á I+D+I galega que as dúas entidades financeiras contemplan nos seus plans estratéxicos. A súa participación no accionariado é decisiva para poder afrontar a ampliación de solo propio da Tecnópole a través da compra dos terreos necesarios e da construción de novos edificios para atender a demanda empresarial, tanto a xa existente coma a prevista durante os próximos anos.

As 42,5 novas hectáreas serán habilitadas ao longo de 2009 cunha edificabilidade do 50% e unha especial incidencia nos sectores da biotecnoloxía e as enerxías renovables.

Durante as próximas semanas comezará a actividade no novo edificio Tecnópole I, un espazo multisectorial de innovación no que haberá unha nova incubadora de empresas para atender as demandas de emprendedores que xa non teñen dispoñibilidade de espazo nos niños da actual incubadora do Edificio CEI, ao 100% de ocupación. Neste inmoble haberá unha sección específica para iniciativas de negocio biotecnolóxicas, con equipamento de laboratorio punteiro e servizos de soporte empresarial especializados.

Por outra parte, na superficie habilitada grazas á ampliación introducirase unha nova modalidade de servizo empresarial, as naves en aluguer, que seguirán un modelo de xestión enerxética autosostible. Os seus teitos estarán recubertos de placas solares fotovoltaicas que permitirán financiar coa venda da enerxía producida o seu consumo propio.

A ampliación de capital supón, ademais, un forte pulo ao papel de Tecnópole como coordinadora e entidade de referencia da futura Rede Galega de Parques Científico-Tecnolóxicos, en fase de constitución e na que están incluídos, ademais da Tecnópole, a Cidade Tecnolóxica de Vigo (CITEXVI), o Parque Científico-Tecnolóxico de A Coruña e os Parques Científico-Tecnolóxicos de Santiago e Lugo. Coa posta en marcha desta Rede a Consellaría de Innovación e Industria ten como obxectivo mobilizar 435 millóns de euros, poñer a disposición 2 millóns de metros cadrados de solo tecnolóxico e xerar 6.600 empregos directos de aquí a 2012.