“EE.UU. é un dos territorios máis atractivos e interesantes para calquera compañía ou proxecto biotech de Galicia e, ao mesmo tempo, é un mercado de difícil acceso”, sinalou Pampín, quen indicou que aí está a clave para “poñer en marcha accións para axudar ao sector a coñecer e abrir posibilidades que permitan explorar ese mercado”. A presidenta de Bioga apuntou que Dinamarca “é un mercado pouco coñecido e moi interesante para o ecosistema bio de Galicia” porque “as súas empresas son moi dinámicas”. Pola súa parte, Israel “conta cun polo biotecnolóxico punteiro e moi importante”.
Pampín afirmou que Bioga, que conta con medio centenar de socios, e a Zona Franca pretenden “facilitar o acceso ás empresas galegas a estes mercados” e tamén axudalas a “explorar posibilidades de establecer alianzas”. “Todo depende das necesidades das empresas biotech galegas; podemos axudalas a buscar clientes, a buscar un socio para colaborar ou, incluso, á implantación nesa zona”, apostilou.
Misión comercial
Bioga xa programa, por exemplo, unha Misión Comercial Bio a Dinamarca ao longo de 2017. Dinamarca conta cun dos clústers internacionais de biomedicina e biotecnoloxía máis relevantes do mundo, o denominado Medicon Valley, unha iniciativa que comparte con Suecia, e que é considerado como o Silicon Valley das ciencias da vida.
Pola súa parte, a delegada da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, destacou que un dos obxectivos do Consorcio radica en “apoiar o coñecemento e a internacionalización, apoiar a idea”. Aí se explica o respaldo desta entidade á expansión exterior dos socios de Bioga. “A biotecnoloxía é un sector clave que chega para quedar”, dixo aos asistentes. “Estamos aquí para apoiar ás iniciativas bio; en Galicia hai moito talento”, apuntou Pedrosa durante a xornada celebrada na zona portuaria de Bouzas, na que participaron representantes do sector biotech de Galicia.
A Zona Franca de Vigo porá en marcha a curto prazo unha aceleradora de internacionalización de empresas. Pampín destacou os proxectos que Bioga e o consorcio teñen en conxunto: unha candidatura POCTEP para a creación dun Clúster Biotecnolóxico Transfronteirizo, a posta en marcha dun HUB internacional de iniciativas bio e unha candidatura POCTEP para a creación dun Centro Internacional de Evolución Gastronómica. Á xornada acudiron empresas biotecnolóxicas de Galicia e un experto acreditado de cada un dos tres mercados internacionais seleccionados.
(Fonte: Faro de Vigo)