Os noventa alumnos e alumnas das Aulas Tecnópole marchan de vacacións de verán despois de traballar durante todo o curso en 23 proxectos de I+D+i de ámbitos moi variados.
n
n
n
O pasado día 8 celebraron nas instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia, en Ourense, un acto de fin de curso que incluíu demostracións, visita aos seus espazos de traballo, entrega de diplomas e unha merenda. Os estudantes contaron coa presenza do director xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla, e da vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, María Victoria Jato.
n
n
Os alumnos das Aulas Tecnópole, todos eles de Secundaria e Bacharelato e procedentes de institutos de toda a provincia de Ourense, reuníronse en dous grupos todos os mércores e xoves do curso para participar neste programa de desenvolvemento de capacidades científicas e innovadoras. Nunha aula deseñada especialmente para eles e no laboratorio de biotecnoloxía do Parque Tecnolóxico de Galicia foron avanzando nos seus proxectos e, grazas a unha extensión do curso non prevista nun principio, poderán seguir facéndoo ata o mes de decembro. Esta decisión foi tomada polo interese manifestado polos propios alumnos e alumnas e pola calidade dos traballos desenvolvidos.
n
n
Durante o acto de fin de curso, no salón de actos de Tecnópole, tres dos grupos realizaron unha exposición para que os asistentes, entre os que figuraban pais e profesores dos seus centros escolares, se fixesen unha idea do traballo realizado ata agora tomando como exemplos tres proxectos de diferentes ámbitos de coñecemento.
n
n
En primeiro lugar, Fernando Rebelo, Rubén Rodríguez e Saúl Cid mostraron o seu sistema de xeración de electricidade termoeléctrica a través de placas peltier para o aproveitamento das augas termais de Ourense como fonte de enerxía eléctrica.
n
n
Pola súa parte, Laura González, Paula Fernández e Queila Bouza mostraron os resultados do seu estudo sobre a influencia das ondas WIFI nas plantas. Tras realizar dous cultivos, un deles exposto de modo constante ás radiacións dun repetidor de ondas electromagnéticas WIFI e outro protexido mediante unha gaiola de Faradio, observaron que efectivamente había diferenzas que parece indicar que as ondas teñen influencia sobre o organismo dos seres vivos.
n
n
Por último, Daniel Váquez, Rodrigo Barreiro e Martín Quintos explicaron a súa experiencia de análise e recollida de datos cun prototipo de sonda aeroespacial construído por eles mesmos. Segundo mostraron, trátase dun satélite do tamaño dunha lata de refresco que permite a recollida de datos referentes a presión e temperatura. A segunda parte do proxecto será incorporar un sistema 'comeback' que lle permita á sonda dirixirse planeando dende o punto onde sexa liberada polo foguete a unhas coordenadas marcadas previamente.
n
n
O resto dos proxectos cobren numerosos ámbitos temáticos, pero a maioría deles comparten un enfoque de investigación aplicada moi interesante. Así, un grupo de alumnas traballan no uso da mestura de auga e maicena no deseño de sistemas de protección para obxectos cotiáns. Outro dos proxectos estuda os beneficios das augas termais para regadío polos seus compostos de sales e nutrientes. Os alumnos tamén traballan nun coche teledirixido mediante impulsos mentais e con placas solares, en novas aplicacións para móbiles Android, no deseño e construción dunha mesa multitáctil ou en desenvolvementos de robótica, entre outros. Mesmo un dos equipos traballa no deseño en 3 D de Tecnópole, un mundo virtual visible con lentes estereoscópicos.
n
n
Vocación científicas e espírito emprendedor
n
n
Esta iniciativa enmárcase no programa de divulgación da ciencia e da innovación que Tecnópole leva a cabo dende os seus inicios para achegar a súa actividade á sociedade e contribuír a espertar vocacións científicas e incentivar o espírito emprendedor entre os máis novos.
n
n
Os participantes no curso terán ocasión de presentar os seus proxectos na Galiciencia, a feira científica e de innovación que organiza Tecnópole con motivo da Semana da Ciencia, e noutros certames estatais, como o 'Novos Investigadores' do Ministerio de Ciencia e Innovación, e internacionais, como o 'Junior Water Prize'.
n
n
(Fonte: Tecnópole)
n