As Aulas Tecnópole retomarán a súa actividade por quinto ano consecutivo no mes de outubro e cada xoves pola tarde acollerán a un grupo formado por un máximo de 45 alumnos e alumnas de 12 a 18 anos. Axudados por un equipo de formadores con ampla experiencia docente e de desenvolvemento de programas destas características, recibirán formación sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa e a estrutura que debe ter a memoria escrita na que se recolla o proxecto. Os seus ámbitos de traballo estarán abertos a todas as áreas do coñecemento, dende as novas tecnoloxías ata as ciencias ou as humanidades.
Os participantes no curso terán ocasión de presentar os seus proxectos en Galiciencia e noutros certames estatais, como ‘Novos Investigadores’ do Ministerio de Educación.
Pola súa parte, as novas Aulas Tecnópole Robótica terán lugar os mércores pola tarde cun auditorio máis limitado, de 24 participantes. Dirixidas a estudantes de 9 a 13 anos, recollen a testemuña dos exitosos talleres de verán celebrados en Tecnópole ao longo dos últimos meses. O seu obxectivo será achegar conceptos de programación aos máis pequenos a través da construción e programación de robots.
(Fonte: Tecnópole)