O tráfico mundial de desprazamentos en avión crecerá nos próximos 20 anos ao ritmo dun 5% anual. Esa é a previsión coa que traballan os dous maiores construtores, entregados á renovación da súa frota comercial. E o mercado que máis crece atópase no continente asiático, que acapara o 33% das 16.104 ordes de construción de avións de pasaxe de Airbus, nas súas catro grandes familias (A320, A330, A350XWB e A380), con datos a outubro do 2017. A esta carteira hai que sumar outros 1500 avións que o Goberno chinés prevé poñer en circulación de aquí o 2020.
Así que non é de estrañar que o consorcio aeronáutico europeo optara por trasladar parte da súa produción ao país asiático, e que contara para iso coas dúas grandes empresas aeronáuticas con sede en Galicia: Delta Vigo e Coasa, filial de Aernnova, con sede en Ourense.
A finais de setembro, Airbus inaugurou unha planta de finalización e entrega do modelo A330, localizado Tianjin, unha factoría que se une aos centros xa existentes nas cidades de Beijing, Tianjin e Harbin.
No nordés de China, moi preto da fronteira con Rusia, o construtor europeo de avións levantou esta nova planta para a produción de compoñentes nun intento de crear unha réplica da que o grupo ten en Illescas (Toledo), onde a viguesa Delta ten unha das súas catro fábricas.
Galegos ensinando chineses
“Isto explica que a participación española e galega está presente en cada unha das naves que integran o centro de Tianjin, dende os procesos de produción, os controis de calidade ou o deseño,” explican dende Airbus España.
Empresas como MTorres, Fagor, Serra ou Zabala, xunto á galega Delta Vigo subministran unha parte importante dos instrumentos de traballo que permiten a conformación de pezas de avión.
Ademais, estas empresas desprazaron equipos para formar os traballadores locais. “Chegaron a ser case 30 españois no staff pero, a medida que os enxeñeiros chineses foron capaces de desenvolver o seu traballo de xeito autónomo os primeiros vanse retirando”, afirma o construtor europeo.
Estas novas instalacións, que estarán preparadas para entregar dúas aeronaves ao mes a partir de 2019, atópanse xunto á factoría de ensamblaxe de aparatos de corredor único (modelos A319 e A320) en Tianjin, que empezou a funcionar no 2008.
Ademais, o consorcio Airbus opera con socios estatais chineses unha planta de pezas e compoñentes na cidade setentrional de Harbin, onde traballan 700 operarios.
Pola súa banda, o denominado Harbin Composite Manufacturing Center (HMC) adxudicou á planta ourensá de Coasa a fabricación de pezas para os elevadores do modelo Airbus A350 XWB. Unha vintena de enxeñeiros españois, incluído persoal de Coasa liderou a formación do persoal de Harbin, que rolda os 700 empregados, aos que transmitiron, por exemplo, os últimos avances en fibra de carbono.
Di Airbus que, con estas dúas instalacións, se afianza a súa posición en China, onde aterrou hai trinta anos. Xa controla o 52% do mercado, fronte ao seu principal rival, a estadounidense Boeing. Un dato demóstrao: dos 3000 avións que hai actualmente en servizo neste país, 1484 son de Airbus. E para esta aposta do consorcio europeo, contou dende o minuto un co pequeno pero puxante sector galego.
Airbus di que a súa aposta polo sector “evidencia o peso da industria española na aeronáutica no mundo, en concreto nun mercado clave como o chinés, onde o Goberno pretende aumentar o número de aeronaves dos 3000 actuais a 4500 en 2020, cando está previsto que o tráfico aéreo alcance os 720 millóns de pasaxeiros”, asegura o fabricante.
Gran mercado civil
O negocio civil é o gran motor da industria en España, onde Airbus Group ten unha ampla rede de subministradores de compoñentes (2255 no ano 2015), aos que contratou un volume de actividade por valor de 1700 millóns de euros.
O consorcio aeronáutico europeo é o pulmón do sector en Galicia, e a súa carteira de pedidos ten impacto directo nas dúas grandes aeronáuticas galegas. Esa visión de futuro é o que vai permitir a Delta Vigo cumprir con antelación o plan estratéxico que deseñaran ata o 2020. Tamén no que a facturación se refire. A previsión era alcanzar ese ano os 65 millóns de facturación, pero ao ritmo que van alcanzaranos no 2019. O crecemento é substancial, xa que no 2016 a cifra de negocio foi de 25 millóns.
Coasa (Compoñentes Aeronáuticos SA, xunto á antiga Gamesa) é unha das principais filiais do grupo Aernnova ten un equipo de 357 empregados.
Traballa para practicamente todas as familias de modelos comerciais de Airbus e factura arredor dos 45 millóns de euros. As súas principais empresas auxiliares galegas son Utingal (en Tui) e Laddes Work, en Ourense.
(Fonte: La Voz de Galicia)