O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza” iniciábase en 2022 impulsado pola Consellería de Economía e Industria -a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-. As 30 pemes innovadoras que ao longo dos últimos dez meses participaron na cuarta edición desta iniciativa presentaron hoxe en Tecnópole -entidade encargada da súa xestión e coordinación- os logros conseguidos no marco da mesma. Ao evento asistiu o director de Internacionalización do Igape, Augusto Álvarez-Borras.
Durante o acto, as 30 pemes beneficiarias desta convocatoria amosaron os seus produtos e servizos innovadores. Pertencen a sectores tan diversos como o agroalimentario e produtos ecolóxicos, enxeñaría e desenvolvemento tecnolóxico, industria e fabricación, téxtil e moda, servizos profesionais, ademais de biotecnoloxía e saúde. No encontro tamén se deron cita outras empresas galegas interesadas na internacionalización. As compañías mantiveron reunións entre elas, co fin de establecer posibles colaboracións.
Por parte do Igape, púxose de relevo o papel de “Galicia Avanza” como unha ferramenta clave para impulsar a internacionalización do tecido empresarial galego nun contexto especialmente favorable, marcado polas boas cifras de exportacións que sitúan a Galicia preto dos seus máximos históricos. Así mesmo, salientouse a aposta da Xunta de Galicia por reforzar o apoio ás empresas que queren medrar nos mercados internacionais, especialmente aquelas que desenvolven solucións innovadoras, a través de programas de aceleración que faciliten que a innovación galega acade presenza e se consolide no exterior.
Europa representa o 61% dos destinos de interese e Latinoamérica o 19%
No marco do programa realizouse a prospección de 25 mercados internacionais de interese para as pemes participantes: o 61% en Europa (en particular Alemaña, Francia e Reino Unido), o 20% en Latinoamérica (sobre todo México, Arxentina e Brasil) e o 19% restante en mercados como EEUU, Emiratos Árabes ou Singapura. O valor total das actuacións ascendeu aos 576.476,74 €, cun gasto medio por empresa de 19.215,89 €.
Nestes meses, ademais da prospección de mercados de interese para cada unha das pemes, levouse a cabo a protección de marcas nos países de destino -rexistráronse 13 marcas-, elaboración e desenvolvemento de plans de márketing, análise de clientes potenciais e establecemento de axendas comerciais -mantivéronse 205 reunións con novos contactos-, adaptación das páxinas web e dos soportes comerciais aos diferentes destinos. Así mesmo, nos casos nos que foi necesario, adaptáronse os produtos aos novos mercados, ao tempo que se crearon ferramentas para facilitar as vendas, promoveuse a asistencia a feiras internacionais e a venda online…, entre outras iniciativas. No seu conxunto, identificáronse un total de 148 necesidades e realizouse a contratación de 98 provedores, 14 deles internacionais.
O talento en directo
No transcurso do evento celebrouse o espectáculo “Galicia Got Business”, no que varias pemes participantes en “Galicia Avanza” amosaron o seu talento de xeito creativo. Fixérono diante dun xurado de expertos en innovación: Fernando Jiménez, xerente do centro tecnolóxico Gradiant; Anxo Vidal, director xeral da consultoría de innovación Incotec; e Sandra Rodríguez, responsable da firma de comunicación Growcom.
Ademais, durante o acto, as empresas relataron a súa experiencia no seu proceso de internacionalización, as barreiras ás que se enfrontaron e as aprendizaxes que lles funcionaron a cada unha delas.
O programa xa impulsou a internacionalización de 111 empresas galegas
O programa “Galicia Avanza” xa impulsou nas súas tres edicións anteriores a internacionalización de 81 pemes galegas innovadoras, que ascenden a 111 sumando a convocatoria actual; pertencentes a 10 sectores productivos diferentes. As empresas lograron entrar no seu conxunto en 53 novos mercados. O valor global das actuacións levadas a cabo ata agora no marco desta iniciativa suma 2,1 millóns de euros.
O programa impulsou máis de 1.500 contactos e acordos comerciais e 375 reunións con novos socios e clientes, contribuíu ao rexistro de 44 marcas e dúas patentes. Detectáronse un total de 489 necesidades empresariais, contratadas a 183 provedores 34 deles internacionais.
Durante o evento anunciouse que haberá unha quinta edición do programa, cuxa convocatoria se fará pública nas vindeiras semanas e na que poderán participar novas pemes innovadoras de toda a comunidade.