O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza” iniciábase en 2022 impulsado pola Consellería de Economía e Industria -a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-, entidade encargada da súa xestión e coordinación. As 21 pemes innovadoras que ao longo dos últimos oito meses participaron na terceira edición desta iniciativa presentaron en Tecnópole os logros conseguidos no marco da mesma. Ao evento asistiu o director da Área de Internacionalización do Igape, Augusto Álvarez-Borrás.
Empresas innovadoras en sectores diversos como as novas tecnoloxías, robótica, alimentación, cosmética natural, turismo, música ou téxtil
Durante o evento “Empresas & Viceversa”, destinado a promover a internacionalización da innovación en Galicia, as 21 pemes beneficiarias desta convocatoria amosaron os seus produtos e servizos innovadores. Pertencen a sectores tan diversos como as novas tecnoloxías, robótica, alimentación, forestal, cosmética natural, música, turismo ou téxtil, entre outros. No encontro déronse cita ademais un centenar de empresas galegas interesadas na internacionalización. As compañías asistentes mantiveron reunións entre elas, co fin de establecer colaboracións futuras.
Europa representa 76% dos destinos de interese e Latinoamérica o 11%
O director xerente de Tecnópole, Javier Taibo, presentou os resultados globais desta convocatoria, que finalmente se centrou na prospección de 38 mercados internacionais de interese para as pemes participantes: o 76% en Europa, o 11% en Latinoamérica e o 13% restante noutros mercados como Estados Unidos, China e Xapón. Neste período rexistráronse cinco marcas en diferentes países e unha patente.
O valor global das actuacións levadas a cabo ascendeu aos 421.000 euros, cun gasto medio por empresa de 20.000 euros. Nestes meses realizouse unha prospección de mercados de interese para cada unha das pemes participantes, protección de patentes e marcas nos países de destino, elaboración e desenvolvemento de plans de márketing, análise de clientes potenciais e establecemento de axendas comerciais, adaptación das páxinas web e dos soportes comerciais aos países de destino. Así mesmo, nos casos nos que foi necesario, adaptáronse os produtos aos novos mercados, ao tempo que se crearon ferramentas para facilitar as vendas, promoveuse a asistencia a feiras internacionais e a venda online…, entre outras iniciativas.
As empresas participantes no evento tiveron a oportunidade de atopar “o amor”
No transcurso do evento celebrouse o espectáculo “Empresas & Viceversa”, destinado a fomentar a rede de contactos entre empresas. Representantes de dúas compañías galegas de éxito internacional exerceron de “tronistas” e foron “pretendidos” por outras firmas, co fin de aproveitar sinerxías e chegar a posibles colaboracións. Trátase de Pedro Arenas, director de desenvolvemento corporativo de CEAMSA – Compañía Española de Algas Marinas, empresa galega de referencia internacional na produción de ingredientes texturizantes a partir de materias primas naturais, líder no seu sector; e Iago Jover, responsable de innovación en Roberto Verino, empresa familiar do sector téxtil con máis de 40 anos de historia e con presenza en varios países, en continua expansión.
O programa xa impulsou a internacionalización de 81 empresas galegas
O programa “Galicia Avanza” xa impulsou nas súas dúas edicións anteriores a internacionalización de 60 pemes galegas innovadoras, que ascenden a 81 sumando a convocatoria actual. As empresas participantes lograron entrar no seu conxunto en 52 novos mercados. O valor global das actuacións levadas a cabo ata agora no marco desta iniciativa suma 1,5 millóns de euros.
Durante o evento anunciouse que nos vindeiros días porase en marcha a cuarta edición do programa, na que poderán participar ata 30 pemes innovadoras de toda a comunidade.