Arranca o primeiro campamento tecnolóxico online de Galicia, que promove Tecnópole

O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- pon en marcha o primeiro campamento tecnolóxico de verán online de toda a comunidade, en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria. O T2W -Tecnópole Technological Workshops-, que ata o de agora era presencial, cumpre a súa oitava edición. As circunstancias derivadas da actual crise sanitaria levaron a redeseñar o seu desenvolvemento, adaptándoo á nova realidade.

O campamento desenvolverase en dúas quendas, con 100 mozos e mozas de toda Galicia de entre 12 a 18 anos en cada unha delas, repartidos por grupos de idade. A primeira comezou esta mesma mañá e prolongarase ata o día 17 deste mes. E a segunda quenda irá do 20 ao 31 de xullo. Celebrarase de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:30 horas.

Na presentación do campamento, Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e conselleira delegada de Tecnópole, salientou que “nun ano extraordinario Tecnópole conseguiu romper todas as barreiras batendo récords de inscricións nas dúas quendas desta edición, o que demostra que, a pesar das circunstancias actuais, a xuventude galega segue interesada neste campamento tecnolóxico e neste novo formato”.

A directora de GAIN enviou “un saúdo especial ás rapazas que participades neste campamento online. Tedes que saber que cada unha de vós rompe un pouco máis a barreira da presenza feminina nos estudos tecnolóxicos, científicos ou de enxeñaría. Co voso traballo e esforzo seguimos a dar pasos adiante na igualdade neste campo. Vós tamén sodes o futuro destas profesións”.

Os rapaces deseñarán roupa con sensores, construirán o seu propio microscopio e analizarán a luz do Sol con espectroscopios

Nas instalacións de Tecnópole habilitouse un amplo espazo no que diferentes expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e en cada unha das materias que se van desenvolver proxectarán os seus coñecementos cara aos xoves participantes, de xeito moi ameno, práctico e innovador.

A través de diferentes talleres, os participantes recibirán formación en programación, robótica, novas tecnoloxías, electrónica, mundo maker (baseado na reutilización e na reciclaxe, en particular no eido das tecnoloxías), hacking (coñecemento dos mecanismos de seguridade dos sistemas informáticos), biotecnoloxía, biomaking (crear ou fabricar os nosos propios produtos no campo biotecnolóxico) e retos STEAM (trabállanse coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias de xeito multidisciplinar, englobando Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Arte e Matemáticas).

No transcurso do campamento programaranse placas electrónicas, os rapaces iniciaranse na seguridade informática, deseñarán roupa con sensores, construirán o seu propio microscopio e analizarán a luz do Sol con espectroscopios, entre outras actividades.

Os rapaces participantes no campamento dispoñen dun kit de materiais tecnolóxicos e científicos para que poidan desenvolver as diferentes actividades. Este kit inclúe, entre outros materiais, micropipetas, fío condutivo, tubos de ensaio, un microscopio e un espectroscopio caseiros… Incorpora ademais un exemplar da guía Que quero ser de maior?, enmarcada no proxecto Ciencia y Tecnología en femenino da Asociación de Parques Científicos y Tecnológicos de España -APTE-, na que está integrada Tecnópole.

Manterase o espírito de convivencia do campamento

Desde o Parque Tecnolóxico de Galicia salientan que “a través do campamento T2W búscase favorecer as vocacións investigadoras e de emprendemento innovador entre a xuventude, potenciar o intercambio de experiencias creativas e innovadoras entre os mozos e mozas, e incrementar a interacción entre os rapaces e o mundo científico”.

“O que se pretende con este campamento tecnolóxico online é adaptarse á nova realidade e cambiar a forma de comunicarse, mantendo o espírito de convivencia do campamento, posto que todas as actividades se desenvolven en equipo (aínda que de maneira virtual), mediante a formación de grupos de rapaces da mesma idade” -explican os impulsores desta iniciativa-.