Mañá mércores, 14 de maio, arranca unha nova edición de Galiciencia, que se prolongará ata o venres e que coincide coa celebración do seu 20 aniversario. Ao longo destas dúas décadas pasaron polo certame máis de 46.000 visitantes, presentáronse máis de 1200 proxectos e en cada edición cóntase coa participación de 40 centros de toda Galicia e doutras comunidades.
Esta edición, na que tamén se pode participar en liña, desenvólvese co lema “Neurociencia e saúde mental”. Con proxectos vencellados a este e outros temas van participar uns 225 rapaces e rapazas de 46 centros de toda Galicia, País Vasco, Cataluña, Andalucía e Canarias. Ademais, asistirán á feira con visitas organizadas unhas 2000 persoas.
Concurso de proxectos: 50 propostas competirán polo premio final
Nesta ocasión seleccionáronse un total de 115 proxectos. De maneira presencial concorren 50 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP -que serán os que compitan polo premio final- e 30 de Primaria. De xeito online participan 35 propostas. As diferentes actividades, tanto presenciais como en liña, aglutinarán este ano a máis de 3.500 participantes.
Durante estes tres días os equipos seleccionados para amosar os seus traballos científicos en Galiciencia exporanos nos stands da feira. Explicarán as súas propostas ao público visitante, ensinándolles os seus prototipos, experimentos e resultados. O primeiro premio está dotado con 1.000 euros para financiar a participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra en Barcelona. O segundo equipo clasificado recibirá 500 €, o que lles permitirá asistir a Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. Pola súa parte, o equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 € para a compra de material científico e/ou tecnolóxico para o seu centro escolar.
Así mesmo, premiarase a mellor comunicación e presentación oral, o proxecto máis innovador, a proposta co método científico e proceso de investigación mellor definido, o mellor proxecto dentro da temática “Neurociencia e saúde mental”, a mellor proposta de FP, así como o mellor traballo liderado por unha nena ou coa temática relacionada coa igualdade de xénero -en liña co afán de Tecnópole de promocionar o STEM feminino-. Galardoarase tamén o proxecto coa mellor valoración popular, elixido entre todos os participantes en liña.
Ciencia divertida durante tres días
Ademais do concurso de proxectos, como cada ano, a feira compleméntase con actividades que buscan achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos de xeito práctico e divertido. Así, realizaranse talleres científicos, espectáculos de ciencia, concursos diversos e ata un programa de radio.
O xoves celebrarase a final do Desafío científico “Atrévete coa mente!”. Durante os últimos meses alumnado desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia participou nunha primeira fase online que constaba de tres retos. Os finalistas enfrontaranse agora nesta derradeira fase, que será presencial.