Arranca en Tecnópole a 5ª edición do proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, que busca potenciar os estudos científicos entre as rapazas de Secundaria

O Parque Tecnolóxico de Galicia participa no proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España -APTE-. O obxectivo desta iniciativa é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas; debido á súa baixa participación nestas materiais. Nesta liña, segundo as cifras aportadas por APTE, só o 30% do estudantado universitario no ámbito STEM son mulleres, tanto en España como no eido internacional. A quinta edición do proxecto arranca en 20 parques e múltiples centros de Educación Secundaria de toda España.

Tecnópole vai celebrar tres xornadas para os centros educativos os días 8, 10 e 15 de novembro -coincidindo coa Semana da Ciencia-. Contarase coa participación de varias mulleres científicas, empresarias ou tecnólogas da contorna de Tecnópole, que relatarán a súa experiencia persoal e profesional, axudando ao alumnado a descubrir as novas posibilidades que lles poden abrir estas disciplinas. Participarán Esther Merlo, doutora e enxeñeira de Montes, fundadora e directora da empresa Madera Plus Calidad Forestal; Marta Otero, doutora en Física, técnica de I+D do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia; Lucía Novelle, enxeñeira de Minas, socia da empresa de investigación xeotérmica Ingeo; e Azahara Soilán, doutora e enxeñeira de Montes, da Área de Innovación e Tecnoloxía do CIS Madeira.

Tamén haberá talleres que achegarán a ciencia e a tecnoloxía de xeito práctico e divertido, contribuíndo a derrubar falsos estereotipos sobre actividades que tradicionalmente foron adscritas ao público masculino. Serán conducidos por Patricia Barciela, directora da Domus – Museos Científicos Coruñeses.

O alumnado participará nun concurso nacional sobre propostas innovadoras aos retos para o desenvolvemento sostible

Por outro lado, realizarase un taller para presentar ás rapazas e rapaces problemáticas existentes no Parque relacionadas cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas. Son retos vencellados coa saúde e o benestar, a igualdade de xénero, a enerxía accesible e non contaminante, o traballo decente e crecemento económico, a acción polo clima… A finalidade é que poidan deseñar un proxecto que sirva como solución a un problema concreto. Unha vez rematada a xornada, o alumnado traballará por grupos nos seus respectivos centros e enviarán a súa proposta en formato vídeo a Tecnópole, de xeito que a solución elixida participará nun concurso nacional que se celebrará en Madrid en abril. Na anterior edición do programa, o centro que representou a Tecnópole resultou gañador deste certame.

Saídas profesionais

Os participantes nesta edición de “Ciencia e Tecnoloxía en feminino” recibirán dúas guías. Por un lado, a guía “Que quero ser de maior?”, a través da que se busca promocionar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas. Nela recóllense as saídas profesionais dun total de 36 titulacións, o tipo de labor que se desempeña en cada unha destas profesións, así como a súa utilidade na sociedade actual. Pola súa parte, a guía “Que son as tecnoloxías disruptivas?” busca visibilizar algunhas das novas tecnoloxías que xa están a revolucionar o mundo -como o blockchain, big data, intelixencia artificial, 5G, ciberseguridade, computación cuántica…- e as súas posibles saídas profesionais.

Mulleres históricas e actuais referentes para as novas xeracións

O estudantado fará un percorrido pola exposición “Mulleres que cambiaron el mundo”, protagonizada por mulleres destacadas en ciencia e tecnoloxía que deixaron a súa pegada ao longo da historia; e pola mostra “Mulleres que cambian o mundo”, na que se destacan a aquelas profesionais do ámbito dos parques científicos e tecnolóxicos que na actualidade están a desenvolver un importante labor nestes eidos. En total, máis de 180 referentes femininos históricos e actuais.

Fonte: Tecnópole