O Consello de Ministros aprobou o Plan Estatal de Política Científica e Técnica e de Innovación para o período 2017-2020, que constitúe un dos instrumentos fundamentais do Estado para o desenvolvemento e consecución dos obxectivos da Estratexia Española de Ciencia e Tecnoloxía e de Innovación 2013-2020 e da Estratexia Europa 2020. Para iso, este plan inclúe axudas estatais destinadas á I+D+i, que se outorgan preferentemente a través de convocatorias en réxime de concorrencia competitiva.
O Plan, informou a Secretaría de Estado de I+D+i, elaborouse contando “cos centros públicos de investigación, a universidades, os centros tecnolóxicos, as asociacións empresariais, as plataformas tecnolóxicas e expertos procedentes da comunidade científica, técnica e empresarial”. Así mesmo, o documento incorpora tamén propostas recibidas durante a consulta pública celebrada o pasado mes de xullo.
No programa de xeración de coñecemento e fortalecemento do sistema inclúense as axudas Red Cervera, dirixidas a agrupacións estratéxicas lideradas por centros e institutos tecnolóxicos; unha nova modalidade de axudas dirixidas ao sector público de investigación para a consolidación, actualización e mellora de infraestruturas científicas de tamaño medio, e o deseño de axudas para a execución de proxectos de I+D vinculados a instalacións e organismos internacionais que precisen de prazos de financiamento e execución superiores a tres anos.
Tamén se inclúen o financiamento de proxectos de I+D+i dirixidos á realización de probas de concepto. Desta forma, o obxectivo é impulsar a investigación orientada e facilitar a translación de coñecementos e tecnoloxías e as súas aplicacións previas, permitindo demostrar a viabilidade e interese potenciais de resultados de investigación previamente obtidos.
Industria conectada 4.0
Dentro do programa de liderado empresarial incorpórase a Acción Estratéxica en Industria conectada 4.0, para promover e incentivar a transformación dixital da industria española. A Secretaría de Estado explicou que, entre outras medidas, “increméntase o tramo non reembolsable das axudas públicas (créditos) destinadas ao financiamento de proxectos de I+D+i liderados por empresas”.
Tamén se crean axudas para financiar proxectos de probas de concepto en tecnoloxías e innovacións disruptivas dirixidas a acelerar o proceso de innovación, e aprobouse a posta en marcha dun programa de iniciativas estratéxicas sectoriais de innovación empresarial intensivas en I+D+i en sectores produtivos críticos para a economía española.
(Fonte: Innovaspain)