Aprobada a convocatoria estatal de empréstitos para o desenvolvemento de proxectos industriais

A Secretaría Xeral de Industria e da Peme do Ministerio de Industria convocará proximamente os empréstitos para o investimento industrial correspondente ao Programa de reindustrialización e da Competitividade Industrial no ano 2016. O presuposto ascende a un total de 757,5 millóns de euros a disposición do sector empresarial privado, cunha reserva de fondos para zonas especialmente necesitadas.

As principais novidades do ano 2016 son a agrupación nunha única liña as tradicionais axudas á reindustrialización e fomento da competitividade e enmárcase dentro da estratexia establecida pola iniciativa ‘Industria conectada 4.0’. Os empréstitos concederanse a 10 anos, con tres de carencia, e o tipo de interese determinarase en función da clasificación obtida polo beneficiario durante a fase de avaliación e da garantía constituída antes da resolución de concesión, polo que oscilará entre o 1,7% e o 4%. As garantías a constituír serán do 10% do empréstito solicitado e haberán de constituírse no momento da solicitude.

Apoiaranse catro tipos de actuacións distintas: creación de establecementos industriais (inicio dunha nova actividade de produción en calquera punto do territorio nacional), traslado (cambio de localización dunha actividade de produción previa cara a calquera punto do territorio nacional), ampliacións da capacidade de produción, a través da implantación de novas liñas de produción en centros existentes, e melloras e/ou modificacións de liñas de produción previamente existentes.

O réxime de concesión será de concorrencia competitiva en cada unha das 11 zonas xeográficas específicas definidas e na xeral, que inclúe o resto de municipios non incluídos nas anteriores.

En total, estímase que poderían xerarse case 10.000 novos empregos entre emprego directo e indirecto. Finalmente, espérase que este apoio contribúa a incrementar as exportacións industriais, especialmente naqueles produtos cun nivel tecnolóxico máis elevado.

(Fonte: Ministerio de Industria)