Anticiparse ao virus e prever as súas secuelas

Científicos galegos da Fundación Biomédica Galicia Sur, da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e da Fundación Profesor Novoa Santos impulsarán, entre 2020 e 2021, unha decena de proxectos de investigación vinculados á covid-19, cos que pretenden “anticiparse” ao virus, “coñecer” a súa estrutura, e prever as súas secuelas, entre outros obxectivos. Trátase de iniciativas que foron seleccionadas no programa de axudas da Xunta Traslaciona covid-19, e que recibirán subvencións que suman medio millón de euros. Así, estas axudas, canalizadas a través da Axencia de Coñecemento en Saúde, perseguen impulsar a investigación traslacional (que se traduza de forma eficaz e rápida en aplicacións clínicas e redunde en beneficio da saúde) relacionada coa prevención, diagnóstico e tratamento desta infección.

Ao amparo desta convocatoria, desenvolveranse estudos nos ámbitos da inmunoterapia con plasma, análise xenómica do virus, estudo de secuelas, deseño de modelos de infección, ou tecnoloxías de desinfección para reutilizar os equipos de protección individual (EPIs).

O director científico do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, José Ramón Fernández Lorenzo, subliñou que a investigación “só ten un sentido, que é mellorar a vida das persoas”, e sinalou que os proxectos pretenden aumentar o coñecemento sobre este coronavirus, para poder “anticiparse”, prever o seu comportamento, e as secuelas da enfermidade.

Á marxe das iniciativas seleccionadas para este programa, son moitos os investigadores de institucións galegas que, desde hai meses, centran os seus esforzos en coñecer este virus, con decenas de proxectos que os sitúan “ao mesmo nivel” que os científicos europeos. Un dos proxectos que se desenvolverán, SARS-CoV-2. Inmod, coordinado por Benito José Regueiro (do departamento de Microbioloxía da área sanitaria de Vigo), pretende establecer un modelo de infección deste virus realizando un seguimento durante 9 meses a un centenar de pacientes que deron positivo nas probas PCR.

Pola súa parte, o investigador Antonio Salas Ellacuriaga e o seu equipo, da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, centraranse en estudar a variabilidade xenómica do virus e na creación dunha plataforma web para a súa análise. Iso permitirá predicir rebrotes, trazar a orixe de novos casos e estar mellor preparados ante futuras novas ondas.

Mentres, o equipo de David Posada González (do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo e con colaboración microbiólogos de todas as áreas sanitarias e de científicos de todas as universidades), centrarase en deseñar unha plataforma de monitorización en tempo real do virus en Galicia. Deste xeito, usando ferramentas xenómicas e a análise masiva de datos, poderase pescudar cantos casos novos se importan ou proveñen de transmisión local.

Os esforzos dos científicos tamén se centran na procura de biomarcadores asociados a complicacións da enfermidade. Nese ámbito enmárcase o proxecto Mito-covid-19, que dirixe o doutor Francisco J. Blanco, do Grupo de Investigación de Reumatoloxía do Instituto de Investigación de Biomédica da Coruña, da Fundación Profesor Novoa Santos, e que pretende predicir o risco dos individuos de contraer a infección e prever a gravidade da mesma.

Nesta convocatoria de axudas tamén se seleccionaron proxectos sobre tratamentos da infección, como o da doutora Marisa Crespo, do Grupo de Investigación de Insuficiencia Cardíaca do mesmo instituto, que avaliará a influencia do tratamento con estatina (un fármaco para o colesterol) en pacientes con coronavirus. Tamén se continuará o estudo realizado na área sanitaria de Vigo, a cargo da investigadora de Hematoloxía, Carmen Albo, sobre o uso de plasma de doante curado. E outros grupos de investigación centrarán os seus esforzos en coñecer as secuelas da infección, como o programa SeguiCovid, coordinado por Alberto Fernández Villar.

Fonte: El Correo Gallego