Ámsterdam e as súas innovadoras moedas verdes da reciclaxe

Moitos países están a promover diferentes iniciativas, co fin de conseguir que os seus cidadáns se involucren na reciclaxe e colaboren para diminuír o nivel de residuos, pero sobre todo para concienciar a cada habitante, do importantes que resultan as súas achegas persoais para cumprir estes obxectivos.

Ámsterdam é unha metrópole amante da bicicleta. Arredor do 60% das viaxes arredor do centro da cidade realízanse en bicicleta, converténdoa nunha das máis ecolóxicas e sustentables de Europa. A súa iniciativa Green Coins (moedas verdes) reforza aínda máis esa afirmación.

Todo comezou como un proxecto piloto no distrito de Noord, onde a cambio de que entregasen os seus envases de plástico, os residentes eran recompensados con moedas verdes (feitas dos mesmos plásticos reciclados). Estas podían empregarse para comprar artigos en varios negocios locais.

Wasted, a empresa responsable de administrar o sistema das moedas verdes, presentouno como unha forma de que os residentes transformasen o seu “lixo nun tesouro”. Este réxime de intercambio era empregado polos cidadáns, as empresas e as institucións públicas.

Para poder participar, só era necesario inscribirse nun rexistro, onde se lle facía entrega de bolsas de lixo especialmente deseñadas. Estas debían encherse de plásticos antes de ser devoltas a Wasted. Os clientes recibían un número de moedas verdes determinado, en función da cantidade de bolsas que enchesen e entregasen para reciclar.

As empresas e entidades públicas recibían as moedas como forma de pagamento por servizos ou produtos a cambio de que Wasted lles recollese o seu propio lixo, polo que o círculo se pechaba. A xente preocupouse a conseguir plásticos dos ríos, as beirarrúas e os bosques, polo que estes materiais se reciclaron e deixaron de ser un problema para a localidade.

Hoxe en día o sistema de Green Coins institucionalizouse en toda a cidade e os cidadáns poden facer uso dunha serie de produtos e servizos que varían dende a reparación de bicicletas e clases de ioga, ata tomar café gratis e comprar comestibles.

O éxito foi tan grande, que calquera veciño da cidade coñece o valor exacto das súas Moedas Verdes e sabe onde e que pode comprar con elas. De feito, hai plans para dixitalizar as moedas verdes, no correr deste ano.

¿Que pasa cos plásticos reciclados? O plástico recollido pola empresa Wasted utilízase como principal insumo para o seu laboratorio. Especialízanse na fabricación de bloques de construción reciclados e reciclables, de mobles, de instalacións para os postos nos mercados locais e de xogos para nenos.

(Fonte: Ecoticias)