Alumnas das Aulas Tecnópole resultan premiadas no certame Jóvenes Investigadores polo seu kit de baixo custo para realizar prácticas de xenética

O deseño dun kit de baixo custo para realizar prácticas de xenética, realizado por Clara Mingyue e Iria Ollero, foi merecedor do terceiro premio do Certame Jóvenes Investigadores, organizado en Málaga polo Instituto da Xuventude e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. O traballo galardoado, cunha dotación de 2000 euros, foi desenvolvido no marco das Aulas Tecnópole, o programa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras promovido polo Parque Tecnolóxico de Galicia coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Clara e Iria gañaran xa con este traballo o primeiro premio da categoría de segundo ciclo da ESO e tres premios especiais na Exporecerca, a maior feira científica escolar de España, celebrada o pasado mes de marzo. Grazas a este galardón, mostraron na Expo-Sciencies Europe, que tivo lugar en xullo en Toulouse (Francia), a segunda fase do seu proxecto, que consiste en realizar probas nos centros educativos para avaliar se se cumpre o obxectivo de mellorar a aprendizaxe dos estudantes de Secundaria sobre xenética grazas ao uso deste kit. Durante estes meses, as alumnas continuaron perfeccionando o seu prototipo, construído mediante a impresión en 3D e cun custo moi inferior aos dispositivos destas carácterísticas que existen no mercado.

As Aulas Tecnópole, que están a piques de comezar un novo curso, amplían así o seu longo historial de recoñecementos ao longo dos últimos anos, que, ademais de colleitar premios a nivel estatal, levaron aos seus alumnos a certames en Los Ángeles, Eslovaquia e Ámsterdam, entre outros.