Alumnas das Aulas Tecnópole logran un novo éxito co Premio Luis Freire

Dous traballos das Aulas Tecnópole conseguiron o primeiro e segundo posto no “XVI Premio Luis Freire de Investigación Científica na Escola”, na modalidade de investigación tecnolóxica na ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos. Unha neveira intelixente e un sistema de contención dos efectos das riadas sobre a poboación foron os proxectos ganadores.

Claudia Escapa, de primeiro de Bacharelato, fíxose co primeiro premio cunha neveira que, a través de ultrasóns, é capaz de inhibir o crecemento de microorganismos e mellorar a conservación dos alimentos.

A alumna estudou a eficiencia dos ultrasóns na conservación dos alimentos. Como resultado da súas investigacións, deseñou e construíu un sistema que complementa o frío da neveira coa acción de ultrasóns de frecuencia de 20 KHz, imperceptibles para o oído humano, para evitar a proliferación dos microorganismos.  Con isto conséguese reducir os tempos de proceso, mellorar atributos de calidade dos produtos e permitir un menor consumo enerxético.

Na final do certame Claudia presentou unha neveira eléctrica portátil para coche ou caravana. O xurado destacou a aplicación práctica do proxecto.

Segundo premio

Clara López, Iria Ollero e Paula Dosantos, de 3º de ESO, deseñaron un sistema electrónico de alerta temperá que permite minimizar os efectos das riadas sobre a poboación en risco.

As alumnas deseñaron un sistema electrónico baseado na tecnoloxía Arduino, capaz de determinar o risco de inundacións nunha determinada zona. O seu proxecto baséase nun pluviómetro que elas mesmas deseñaron para rexistrar a cantidade de chuvia caída por unidade de tempo e que envía unha alerta en caso de risco. O xurado destacou a orixinalidade do proxecto e a aplicación das tecnoloxías á resolución de problemas.