No marco de Galiciencia, convócase o desafío científico “Atrévete coa mente!”, dirixido a estudantes de 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia. Poderán participar pequenos grupos de dous ou tres integrantes, a ser posible mixtos, de entre 10 e 18 anos.
O desafío consta de dúas fases, unha online e outra presencial. Para poder superar a primeira fase online cómpre participar nos tres retos que se irán propoñendo ao longo dos vindeiros meses, todos eles vencellados coa neurociencia e a saúde mental, temática sobre a que este ano xira a feira. O prazo de inscrición no primeiro reto, que deberá efectuarse a través da web atrevete.galiciencia.com, remata o 20 de febreiro.
Para chegar á fase final, que terá lugar de xeito presencial durante a celebración de Galiciencia no mes de maio, será imprescindible ter participado nos tres retos online. No derradeiro desafío competirán os tres grupos mellor valorados de cada categoría: Primaria, Secundaria e 4º da ESO e Bacharelato.
Ao longo destes retos proporáselle aos equipos participantes explorar a mente humana, toda unha aventura na que a rapazada terá a oportunidade de descubrir que ocorre no noso corpo cando, por exemplo, tocamos un obxecto moi quente, ou por que nos sentimos tan ben despois de facer deporte… E coñecerán a importancia da neurociencia para poder entender e mellorar a nosa saúde mental.
Un axuda de 100 euros para gastos de transporte
Este ano Tecnópole achegará unha axuda de 100 euros para gastos de transporte aos equipos que se clasifiquen para a fase final do desafío. Poderán beneficiarse desta axuda os centros educativos que non sexan de Ourense capital nin dos concellos limítrofes.