Alumnado de 10 a 18 anos de toda Galicia pode participar no desafío científico “Atrévete coa Madeira!” que propón este ano Galiciencia

Galiciencia é a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- desde o ano 2006. Busca achegar a ciencia á sociedade, en especial ao alumnado de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Esta 19ª edición celebrarase en maio baixo o lema “Mellor, de Madeira”.

Ademais do concurso de proxectos, convócase o desafío científico “Atrévete coa Madeira!”, dirixido a estudantes de 4º de Primaria a 2º de Bacharelato de toda Galicia. Poderán participar pequenos grupos de dous ou tres integrantes, a ser posible mixtos, de entre 10 e 18 anos. O desafío consta de dúas fases, unha online e outra presencial.

Para poder superar a primeira fase online cómpre participar nos tres retos que se irán propoñendo ao longo dos vindeiros meses, todos eles vencellados cos avances e a repercusión social da madeira. O prazo de inscrición no primeiro reto, que deberá efectuarse a través da páxina web atrevete.galiciencia.com, remata o 19 de febreiro. Para chegar á fase final, que terá lugar de xeito presencial durante a celebración de Galiciencia, será imprescindible ter participado nos tres retos online. No desafío final competirán os tres grupos mellor valorados de cada categoría na anterior fase: Primaria, Secundaria e 4º da ESO e Bacharelato.

A finalidade desta proposta é inculcar nos máis novos a idea de que a madeira foi, desde o principio dos tempos, un dos recursos máis importantes na evolución humana. Ao longo destes retos proporáselle aos participantes unha viaxe polo mundo, desde as secuoias de California ata os carballos do Courel, investigando as propiedades deste valioso material e os seus usos en campos tan diversos como a construción e a música. Incidirase así mesmo en como podemos loitar contra o cambio climático aproveitando os recursos que temos ao noso redor.

Máis información: www.galiciencia.com