Alumnado de 10 a 18 anos de toda Galicia pode participar no desafío científico “Atrévete coa Economía Circular!” de Galiciencia

Galiciencia é a maior feira científica da na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- desde o ano 2006. Busca achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Empresa e Innovación; e co patrocinio da FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación). Esta 17ª edición celebrarase no mes de maio de xeito presencial, coa “Economía Circular” como lema.

Ademais do concurso de proxectos, convócase o desafío científico “Atrévete coa Economía Circular!”, dirixido ao alumnado de 4º de Primaria a 2º de Bacharelato de toda Galicia. Poderán participar pequenos grupos cun máximo de tres integrantes de entre 10 e 18 anos, aínda que tamén se pode realizar de xeito individual. O desafío consta de dúas fases, unha online e outra presencial.

Para poder superar a primeira fase online cómpre participar nos tres retos que se irán propoñendo ao longo dos vindeiros meses. O prazo de inscrición no primeiro reto, que deberá efectuarse a través da páxina web atrevete.galiciencia.com, remata o 18 de febreiro. Para chegar á fase final, que será presencial durante a celebración de Galiciencia, será imprescindible ter participado nos tres retos online. No desafío final competirán os tres grupos mellor valorados de cada categoría na anterior fase.

A finalidade desta proposta é inculcar no estudantado a idea de que “existe unha forma de producir, de consumir e de organizarnos máis sostible, viable e respectuosa co medio. Nesta liña, a economía circular é un modelo de produción e consumo que implica compartir, arrendar, reutilizar, reparar, renovar e reciclar os materiais e productos existentes durante o maior tempo posible” -destacan desde Galiciencia-.

Máis información: www.galiciencia.com

Fonte: Tecnópole