Almacenar información de modo invisible na roupa e sen electrónica incorporada

Científicos americanos deseñaron tecidos e pezas de vestir que poden almacenar datos, dende códigos de seguridade a etiquetas de identificación, sen que se necesite que vaian acompañados de sensores nin dispositivo electrónico ningún.

Esta nova clase de teas podería ser o primeiro paso cara á fabricación de roupa, por exemplo unha chaqueta ou outra prenda ou prendas de vestir que sempre levemos posta ao saír de casa ou do traballo e que almacene contrasinais invisibles que nos abran a porta ao noso domicilio ou á oficina. Nese sentido sería como substituír unha chave tradicional por unha prenda.

O equipo de Shyam Gollakota, profesor na Escola Paul G. Allen de Ciencia de Ordenadores e Enxeñería da Universidade de Washington, traballou coas propiedades previamente non exploradas dun fío condutor común. Os datos poden ser lidos usando un instrumento integrado en moitos dos actuais teléfonos intelixentes para permitir o uso de aplicacións de navegación. En palabras de Gollakota, podemos pensar na tea como nun disco duro: usala permitiranos almacenar datos na nosa roupa.

Dado que non contén nada de electrónica, as prendas feitas con esta tea intelixente pódeselles pasar o ferro, así como poñer na lavadora e na secadora.

É cada vez máis habitual combinar fío condutor (fío bordado que pode transportar unha corrente eléctrica) con outros tipos de electrónica para crear vestimentas especiais, animais de peluche ou outros obxectos que se iluminen ou permitan algunha outra función propia de dispositivos electrónicos tradicionais.

Pero os investigadores da Universidade de Washington déronse conta de que este fío condutor xa dispoñible tamén posúe propiedades magnéticas que se poden manipular para almacenar datos dixitais ou ben información visual como letras e números. Estes datos poden ser lidos cun magnetómetro de baixo custo que mide a dirección e a intensidade dos campos magnéticos e que está integrado na maioría dos teléfonos intelixentes.

“Estamos a usar algo que xa existe nun teléfono intelixente e que case non gasta enerxía, así que o custo de ler este tipo de datos é insignificante”, subliña Gollakota. Nunha demostración desta tecnoloxía, el e os seus colegas almacenaron o contrasinal dunha porta electrónica nun anaco de tea condutora cosido a un puño de camisa. Desbloquearon a porta axitando esa parte da camisa fronte a un conxunto de magnetómetros.

Os investigadores tamén prepararon dese modo prendas como unha gravata, un cinto, un colar e unha pulseira, comprobando que conservan durante un tempo suficiente os seus datos.

(Fonte: NCYT)