A feira científica agarda a visita de máis de 2.000 escolares durante os seus tres días de duración, aos que se suman os asistentes que se achegan pola súa conta, dado que o evento é de entrada libre. O certame chega este ano á súa décima edición, de novo coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
A Galiciencia rexistra este ano unha cifra récord de proxectos, un total de 74, dos que os 52 de Secundaria compiten polo premio final, mentres que os 22 de Primaria se expoñen fóra de concurso. A representación máis numerosa procede das provincias de Ourense e Pontevedra, con 23 e 22 proxectos respectivamente. Da Coruña chegaron 14 e de Lugo 9, aos que se suman 4 de Barcelona e 2 de Biscaia.
A accesibilidade e a seguridade son tamén temas moi sensibles para os participantes. Alumnos de Santiago e Pontevedra traen dous bastóns TIC, un para peregrinos, dotado de sistema de aviso a emerxencias en caso de perigo, e outro para invidentes, con GPS e detectores de obstáculos a distancia para mellorar a a autonomía dos usuarios. Na seguridade pensaron tamén as alumnas de Ourense que deseñaron un detector de inundacións que permite identificar o perigo a distancia con antelación e reaccionar a tempo.
A pasta de dentes elaborada con algas das costas galegas por estudantes de Pontevedra, de alto poder antibacteriano, e a camiseta que nos avisa de risco de problemas cardíacos mentres facemos deporte, deseñada nas Aulas Tecnópole, son exemplos da preocupación pola saúde dos participantes. Nesta mesma liña, un dos equipos vascos congregou a un bo número de visitantes abraiados coa súa representación do que ocorre nos nosos pulmóns cando fumamos.
Das Aulas Tecnópole chega tamén unha plataforma web para móbiles e tablets deseñada para a compravenda de produtos agrícolas a pequena escala sen necesidade de intermediarios, co fin de reducir prezos para os compradores e aumentar a marxe comercial dos vendedores.
O espantallo móbil para viñas respectuoso cos paxaros dun equipo de Santiago, o aproveitamento de belotas para fabricar aglomerados por alumnos de Ourense e o biodixestor doméstico para obter gas de cociña nun camping de estudantes de Barcelona son exemplos da busca de solucións sostibles a demandas moi prácticas.
Entre os estudos sobre o comportamento humano, alumnos de Vigo concluíron a través dos seus experimentos que o consumo de chocolate non inflúe para ben cando facemos xuízos morais, desmontando a súa hipótese inicial, e un equipo de Sanxenxo analizou se é certo que as persoas de ollos claros ven mellor na escuridade.
Nos stands dos equipos de Primaria, dous alumnos de Ponteceso presentan o seu remedio caseiro contra as picaduras de ortiga e alumnas de Vigo demostran que as cervexas “sen” realmente non levan alcol, entre outros proxectos.