Seguindo o credo de Steve Jobs de que ‘a xente non sabe o que quere ata que non llo mostras’, un puñado de start-ups de alta tecnoloxía están a tratar de revolucionar a nosa alimentación creando ‘carne’ e ‘ovos’ partindo de compostos vexetais pulverizados ou de fragmentos cultivados de tecido animal. Ata existe unha compañía que busca acabar co hábito de comprar comida (e mesmo de cociñala e mastigala) grazas a un alimento líquido a partir de subprodutos de algas”.
O texto anterior aparece nunha reportaxe do New York Times titulado “Repensando comer”, no que explora as novas tendencias da aplicación da enxeñería á alimentación humana, sobre todo para ofrecer alternativas á proteína animal. Acontece que o consumo da carne de porco, vacún, polo e similares podería duplicarse a nivel mundial dentro de seis anos, un ritmo que podería ser insustentable se temos en conta a cantidade de recursos (en auga, alimentos e auga) que require para a súa crianza, sendo o gando -ademais, e segundo Nacións Unidas- o responsable do 14,5% dos gases de efecto invernadoiro. Por iso, destacadas empresas de capital risco e magnates de Silicon Valley (como Sergey Brin de Google, Bill Gates de Microsoft ou Peter Thiel de PayPal) están a investir grandes sumas en proxecto de alimentos 2.0.
O artigo menciona o caso da compañía californiana Hampton Creek, que logrou crear un substituto do ovo a partir de proteínas extraídas do chícharo amarelo canadense, e agora empeza a abrirse paso nas tendas de alimentación dos Estados Unidos. Para o CEO desta compañía, o vegano Josh Tetrick, o segredo para lograr desenvolver mellores produtos é “confiar máis nas ciencias da computación que nas da alimentación”. Deste modo, as compañías de alimentos 2.0 están a desbotar os substitutos vexetais xa coñecidos no mercado e usando no seu lugar algoritmos informáticos que analizan centos de miles de especies vexetais para descubrir “que compostos poden extraerse e recombinarse para crear novas fontes máis sustentables e deliciosas de proteína”. No caso concreto de Hampton Creek, o seu vicepresidente foi xefe de análise de datos en produtos de Google como Youtube e Google Maps, e as súas últimas sete contratacións foron de científicos de datos. Tetrick explícao así: “Podemos executar os nosos experimentos na nube en lugar de ter que estar a moer ingredientes e poñendo en práctica receitas”.
(Fonte: TicBeat)