Alfredo Bermúdez: «O consumidor valora cada vez máis os produtos con propiedades saudables»

Un novo produto para mellorar o valor nutritivo do leite, e innovar para administrar tratamentos nas enfermidades autoinmunes e dexenerativas coa súa incorporación a alimentos, son os obxectivos de Statera Labs e Smart Vitamins, dúas empresas emerxentes que comparten como promotor a Alfredo Bermúdez. Ambas as dúas situaranse en instalacións universitarias: Statera Labs, constituída en decembro, terá sede no edificio Feuga, dende marzo; e Smart Vitamins, que está á espera das últimas decisións dos órganos de goberno da USC para constituírse, traballará dende o Cimus, onde xurdiu, a partir do grupo de investigación de María José Alonso. «Agora mesmo hai un marco favorable na Administración para promover empresas como estas: temos instrumentos como a aceleradora alimentaria Business Factory Food, do Clúster de Alimentación de Galicia; a iniciativa de capital risco Xesgalicia; unha estratexia de impulso á biotecnoloxía; e unha boa universidade como a de Santiago, con grupos de referencia internacional como o de María José Alonso», explica. 

Alfredo valora que «á USC lle interesa promover empresas como esta. Porque a USC foi pioneira en fomentar o emprendemento e a transferencia tecnolóxica en España. Aquí creouse unha das primeiras incubadoras de empresas, o primeiro fondo de capital-risco universitario de España, e outras iniciativas pioneiras como o programa de emprendemento feminino Woman Emprende. É un marco moi favorable para Smart Vitamins», di. El ten experiencia hai anos neste ámbito, pois «empecei a traballar no programa de creación de empresas da USC con Carlos Hernández Sande; despois con Senén Barro en Rede Emprendia; e participei nalgunhas empresas tecnolóxicas», detalla. 

As dúas nas que agora se implica son diferentes: «Statera Labs parte de que, ao comprar, o consumidor valora cada vez máis os produtos con propiedades saudables. Houbo un auxe de produtos sen, como os sen azucres engadidos; ou baixos en calorías. Agora estamos na época do con, como os produtos con omega 3. Nós imos traballar coas empresas lácteas Dairy Lac, de Melide, e con Capsa Food do Grupo Larsa, para facer un novo ingrediente, innovador. Consiste nunha nanocápsula que mellora o leite ao achegar vitamina D, omega 3 e extracto de cúrcuma, que é unha planta moi coñecida polas súas propiedades medicinais», explica. Esta empresa empezou a funcionar na fábrica que outros socios teñen en Arganda del Rey «pero o obxectivo é abrir unha factoría en Galicia, a poder ser na provincia da Coruña. En Statera Labs queremos ser referentes para complementos alimenticios de persoas e de animais; e en ingredientes bioactivos para a industria alimentaria», di. 

A outra empresa emerxente, Smart Vitamins «buscamos cambiar o paradigma para tratar as enfermidades autoinmunes e dexenerativas. Traballamos xa en modelos animais con diabete tipo I; prevemos incorporar estudos de esclerose múltiple e artrite reumatoide; e interésanos ademais avanzar para o tratamento da celiaquía, as enfermidades inflamatorias intestinais ou a psoríase», manifesta. 

«Imos poñer en valor unha tecnoloxía desenvolvida polo laboratorio de María José Alonso, que permite obter efectos terapéuticos administrando nutrientes esenciais. Un obxectivo principal desta empresa é conseguir tratamentos para previr as enfermidades autoinmunes, pois non os hai. Ademais, imos xerar un método novo para administrar tratamentos por vía oral en alimentos funcionais e así tratar mellor esas enfermidades», avanza Alfredo. 

Fonte: La Voz de Galicia