A viguesa Alén Space e outras tres empresas emerxentes do sector espacial -Elecnor Deimos, DHV Technology e Satlantis- aliáronse para presentar unha proposta conxunta encamiñada ao desenvolvemento dos oito satélites cos que España participará na futura Constelación Atlántica, unha misión conxunta con Portugal. Este acordo permite aos principais actores nacionais do “New Space” coordinar os seus esforzos e unir as súas capacidades para responder as necesidades da Constelación Atlántica, que constitúe unha das principais actuacións do Perte Aeroespacial, segundo informaron as propias compañías.
Esta misión estará formada por 16 satélites equipados con cargas útiles de observación da Terra e de telecomunicacións, dos que oito se desenvolverán en España. A constelación levarase a cabo en colaboración con Portugal, que será responsable dos restantes satélites, dando lugar a un sistema explotado por un operador común.
O consorcio español conta co respaldo doutras compañías e universidades españolas, como Microwave Sensors (MWSE), Sateliot (Satelio Iot Services SL) e a Universitat Politécnica de Cataluña. Ademais está aberto á cooperación con novos socios e permitirá maximizar o impacto previsto no Perte Aeroespacial e impulsar as capacidades industriais do “New Space” en España para abordar desenvolvementos complexos en prazos limitados e cun custo moderado.
Fonte: Faro de Vigo