Airbus presenta un pequeno avión impulsado por enerxía eléctrica

O silencioso E-Fan, foi fabricado en fibra de carbono e as súas ás aloxan dúas baterías de litio de 65 kgs de peso que impulsan senllos motores de 30 quilovatios que permiten alcanzar unha velocidade máxima de 185 km/h.

O prototipo goza dunha autonomía de algo máis dunha hora e aínda que non se recordará por ser un vehículo de gran velocidade si supón un importante primeiro paso no desenvolvemento de iniciativas que teñan como foco o desenvolvemento de motores eléctricos que traian consigo o nacemento dunha nova era na navegación aérea.

A investigadora da Universidade Metropolitana de Manchester Delia Dimitriu, que estuda o impacto medioambiental da aviación, afirma que o uso de enerxías renovables na aviación para recarga de baterías podería diminuír considerablemente o aumento previsto na pegada de carbono.

O proxecto é parte dun programa maior denominado E-Thrust pensado para desenvolver aeronaves híbridas equipadas con motores de 4 megavatios e para unha capacidade de ata 80 asentos, dispostas para voos de curta distancia. O E-Fan é, de feito, en palabras de Jan Botti, CTO de Airbus Group, “só o precursor da posible aparición de novas compañías aéreas de carácter rexional”.



 
A partir do 2017 unha nova división da compañía francesa chamado VoltAir fabricará e venderá os E-Fan como avións de prácticas ou remolcadores de planadores para competir contra a compañía estadounidense Cessna. Para esa data xa haberá dispoñibles dúas versións, unha delas para catro pasaxeiros, equipadas con mecanismos de recarga automática de baterías para alcanzar máis de tres horas de autonomía en voo.

(Fonte: Agencias)