Trátase de 94 referencias de mediano tamaño, entre as que están as costelas ou os paneis, o que permite a Coasa manter alto o seu ritmo de actividade industrial.
A factoría que Airbus ten en China decidiu abrir un concurso entre varios provedores “e o contrato adxudicáronnolo a nós despois de competir abertamente con outras empresas”, destaca Yago Fontán, director de Coasa. A planta ourensá iniciou “en tempo récord o proceso de fabricación”, segundo o directivo da empresa ourensá que pertence ao grupo vasco Aernnova. Na actualidade xa se remitiron a China pezas para os primeiros doce avións contratados.
A obtención deste contrato permite a Coasa contar con carga de traballo para os próximos anos xa que fabricar compoñentes para o Airbus A350 supón facelo para un aparato que está nun ramp up (incremento pautado de fabricación) moi importante no sector. Pero non é este o único modelo do xigante aeronáutico europeo que conta con pezas fabricadas no Parque Tecnolóxico xa que dende hai meses produce en composite as peles dos aleróns do A380, considerado o avión comercial máis grande de mundo.
Estabilidade laboral ata 2020
Para a familia Airbus tamén saen de Ourense elementos para o A330, dentro dun plan de produción de 80 avións por ano, aínda que “lamentablemente o que menos traballo nos dá é o A320 Neo, un modelo do que se poden fabricar 600 avións no ano 2017, unha cifra xamais coñecida,” indica Yago Fontán. Coa carga de traballo de Airbus Coasa corrixe a baixada de produción de Embraer, outro dos seus principais clientes, cuxo modelo ERJ 170-190 está ao final da súa vida comercial.
Coasa prevé pechar o ano por enriba dos 40 millóns de euros en vendas e conta cun equipo de 370 persoas, co que asinou un acordo de estabilidade laboral ata o ano 2020. A planta na actualidade está a un 85% ou 90% da súa capacidade total de produción.
(Fonte: La Región)