En concreto, trátase dunha botella elaborada con polihidroxibutirato (PHB), un polímero producido mediante bioprodución (fermentación microbiana) na que determinadas bacterias transforman os azucres das augas residuais e sintetizan no seu interior este tipo de bioplástico.
Durante os procesos fermentativos realizados coas augas residuais da industria de zume conseguiuse transformar ata o 30% dos azucres contidos nestes residuos en PHB.
Propiedades melloradas
O material bioplástico logrado contén propiedades melloradas, como antioxidantes, que permiten alongar a vida útil do zume. En concreto, mediante a tecnoloxía de microencapsulación, obtivéronse cápsulas con principios antioxidantes como é o limoneno, un composto activo presente na codia da laranxa que utiliza a mesma industria xeradora das augas residuais.
Estas cápsulas incorporáronse ao composto de PHB co que se fabricou a botella final, para conseguir un envase activo no que o axente antioxidante se vai liberando pouco a pouco e atrasa os procesos de oxidación do zume envasado.
Ademais, para mellorar a resistencia e outras características mecánicas do material, utilizáronse outros residuos procedentes da industria alimentaria. Concretamente a palla de arroz para a obtención de microfibras de celulosa coas que mellorar a rixidez do envase.
Segundo a firma, este bioplástico pode ser de aplicación noutros sectores industriais como a cosmética, oftalmoloxía, calzado, compoñentes informáticos, farmacia ou automoción.
(Fonte: SINC)