AIMEN foi distinguido nos Premios da Industria da Auga do Reino Unido 2018 (Water Industry Awards 2018) na categoría iniciativa de recuperación de lodo e recursos grazas ao proxecto europeo INCOVER, que lidera o centro tecnolóxico. Estes premios, que organizan WET News e Water & Wastewater Treatment, son uns dos galardóns máis prestixiosos da industria da auga en Europa.
A iniciativa INCOVER ten como obxectivo desenvolver e validar tecnoloxías innovadoras e sustentables para a recuperación de recursos de valor engadido (bioplásticos, biofertilizantes ou ácidos orgánicos) a partir de augas residuais urbanas e industriais, empregando metodoloxías intelixentes de control e operación.
No marco deste proxecto estanse a levar a cabo tres casos de estudo. O primeiro está situado nas instalacións da Universidade politécnica de Cataluña en Viladecans e o seu obxectivo é tratar auga residual de orixe agrícola con cianobacterias en fotobiorreactores para obter bioplásticos e, co apoio doutras tecnoloxías, tamén se consegue xerar biometano, biofertilizantes e auga apta para o uso agrícola.
O segundo caso valídase nas instalacións de Aqualia en Chiclana da Fronteira (Cádiz) e Almería e aplica bacterias e microalgas para tratar auga urbana en sistemas de lagoas abertas, cos que se obteñen bioplásticos e se recuperan nutrientes como fósforo e nitróxeno, así como auga para regadío. O último caso de estudo sitúase en The Helmholtz Centre for Environmental Research – UFZ (Leipzig – Alemaña) e encárgase de tratar augas procedentes de restauración con fermentos co obxectivo de conseguir ácido cítrico, un composto moi demandado na industria química.
AIMEN, ademais de coordinar a iniciativa, está a probar a escala demostración desenvolvementos propios de sensores ópticos para monitorizar e controlar a produción de ácidos orgánicos e bioplásticos, cos que consegue reducir ao 50% o custo total de operación e mantemento.
Área ambiental
A unidade de I+D+i en Tecnoloxías Ambientais de AIMEN, coordinado por Luz Herrero, centra as súas innovacións no tratamento de augas residuais mediante tecnoloxías baseadas en procesos naturais; o control da calidade da auga a través de sensores ópticos e fotónicos; a valorización de residuos mediante a produción de biogás ou de novos materiais, como os xeopolímeros; ou a ecoeficiencia e análise de impacto ambiental de novos procesos e produtos.
En palabras de Luz Herrero, gañar este prestixioso premio supón para AIMEN “un recoñecemento internacional e visibiliza o esforzo que realizou o centro tecnolóxico nos últimos anos para transferir os seus resultados en investigación e levalos ao seu máximo nivel de excelencia e aplicación no sector do medio para contribuír á economía circular”. Ademais, indica, “é moi alentador que sexa o propio sector da auga que recoñeza a valía do proxecto INCOVER, xa que facilita a implantación futura dos resultados desta iniciativa”.
(Fonte: Innovamás)