O Centro Tecnolóxico Aimen participa no proxecto Rotación, que busca desenvolver tecnoloxías innovadoras e flexibles para reparar compoñentes de gran tamaño no sector enerxético, como os elementos de transmisión de turbinas eólicas co obxectivo final de aumentar a súa vida en servizo e minimizar os tempos e custos de reparación.
É unha iniciativa enmarcada no programa Conecta Peme promovida e cofinanciada pola Xunta e no consorcio participan as empresas Siemens Gamesa (líder do proxecto), Acemetal, Tecdisma, Galventus e Galcia Pul-Tec.
Este proxecto nace da necesidade de ofrecer unha solución a un problema que afecta a todos os parques eólicos a nivel mundial: minimizar os efectos que implican o desgaste e os fallos dos sistemas de transmisión dos aeroxeradores eólicos mediante técnicas de reparación rápidas, innovadoras e flexibles.
Os compoñentes que forman os sistemas de transmisión sofren desgastes a partir dos 6-7 anos da súa posta en servizo e estes deben ser tratados de inmediato para que estes non se propaguen ao resto de pezas do tren de potencia do aeroxerador.
Estes fenómenos de desgaste son un factor limitante na durabilidade dos aeroxeradores e os seus efectos serán máis críticos nos próximos anos debido á chegada á madureza dos instalados no momento da expansión desta enerxía en Europa e á morfoloxía dos novos muíños, que tenden a posuír rotores e turbinas de maior tamaño e peso.
(Fonte: Atlántico Diario)