Aimen participa no desenvolvemento dun sistema de depuración de augas residuais controlado por nanobiosensores

O centro tecnolóxico Aimen presentou hai uns días un proxecto mediante o cal se desenvolverá un sistema de depuración de augas residuais urbanas baseado no uso do ozono e controlado por nanobiosensores.

Presentado no marco da xornada “Nanotecnoloxía ao servizo da industria”, este proxecto denominado Acacia conta coa participación ademais de varias empresas galegas e dun grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela.

O obxectivo principal do proxecto Acacia, que se validará nas instalacións da depuradora de Baiona, é optimizar a degradación dos microcontaminantes de augas residuais mediante un procedemento innovador: a ozonización.

Acacia permitirá detectar en tempo real residuos procedentes de produtos de hixiene persoal, insecticidas ou medicamentos que non se degradan con procesos tradicionais de depuración e que se eliminarán grazas a unha unidade pioneira de oxidación avanzada baseada na ozonización.

En concreto, Aimen colabora co desenvolvemento dos sensores que determinan a existencia dos microcontaminantes e na implementación destes dispositivos para que o novidoso sistema entre en funcionamento ao detectar a súa presenza.

(Fonte: ABC)