Aimen inaugura en Porriño o maior centro de aplicacións láser de España

O Centro Tecnolóxico Aimen inaugurou recentemente as súas novas instalacións de vangarda de investigación en aplicacións láser, nas que se investiron 10,8 millóns de euros e que prestarán servizos avanzados a empresas de sectores como a automoción, a aeronáutica e a construción naval, entre outros.

O novo centro permitiu ampliar o equipo de Aimen ata as 200 persoas, máis do 70% das cales son técnicos e enxeñeiros. A presentación correu a cargo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela, e do presidente de Aimen, Fernando Vázquez, que referendaron a súa aposta pola innovación e o desenvolvemento para transformar a economía produtiva de Galicia e España e puxeron a Aimen como exemplo deste cambio. Á inauguración acudiron máis de medio centenar de empresarios, políticos e representantes institucionais.

Aimen, constituída en 1967, ten máis de medio millar de empresas clientes, completou con éxito máis de 30.000 informes técnicos e participou en máis de 200 proxectos de I+D+i. Segundo explicou Vázquez, nos últimos tres anos Aimen conseguiu retornos por valor de 8 millóns de euros de proxectos europeos e a súa facturación alcanza os 12 millóns de euros. O seu principal obxectivo é actuar como un socio tecnolóxico e estratéxico para cada un das súas empresas asociadas, e por extensión, do tecido industrial, contribuíndo á mellora das súas capacidades tecnolóxicas e incrementando así os niveis de competitividade das compañías.

(Fonte: Faro de Vigo)