Aimen desenvolve un proxecto europeo para construír barcos máis lixeiros e eficientes

O Centro Tecnolóxico da Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (Aimen) atópase inmerso no desenvolvemento dun proxecto europeo que persegue construír barcos máis lixeiros, eficientes, aos que lles afecten menos a corrosión e os defectos estruturais e que teñan menores custos de combustible e mantemento.

O proxecto, recollido baixo o nome ‘Mosaic’, consiste en introducir aceiros High Strength Low Alloy -caracterizados pola súa alta resistencia e baixa aliaxe- en determinados elementos estruturais dos barcos, co obxectivo de reducir o inicio e propagación de gretas nas zonas dos buques constantemente sometidas a esforzos de fatiga.

Ademais, introduciranse novos materiais na fabricación dos barcos e substituiranse elementos estruturais específicos con materiais compostos, cos que esperan reducir o peso dos buques en entre un 10 e un 60% -dependendo do navío- e dotalos de maior resistencia mecánica e ante posibles corrosións.

Por outro lado, o proxecto tamén investiga solucións para a unión dos elementos estruturais e verifica o seu comportamento fronte á fatiga, para o que está a estudar varias tecnoloxías aplicadas ao aceiro convencional.

Nesta iniciativa, que conta cun presuposto de máis de 3,5 millóns de euros, participan 11 socios de seis países europeos, entre os que se inclúen estaleiros, empresas de enxeñería, sociedades de clasificación, universidades e centros tecnolóxicos.

(Fonte: La Voz de Galicia)