n
n
O centro tecnolóxico Aimen desenvolveu un sistema pioneiro para o mecanizado de materiais brandos, baseándose nunha cela robotizada que posibilita a fabricación de prototipos de gran tamaño en distintos soportes (porexpan, escumas de poliuretano, foam, resina de alta densidade, madeira, etc.), que pode ser aplicado en diferentes sectores industriais, como o aeroespacial, a automoción, o naval, o sanitario ou o madeireiro, entre outros.
n
n
n
n
n
n
Este proxecto levouse por encarga da firma HERGOME, dedicada á enxeñería industrial, e contou cun presuposto superior aos 340.000 euros. Trátase do desenvolvemento dun dispositivo composto por unha cela integrada por un motor que acciona as ferramentas de fresado (electromandrino), disposto sobre un robot que emula o brazo humano; unha mesa rotativa de traballo e un almacén de ferramentas, que cobre todo o proceso.
n
n
Para facela funcionar, Aimen implementou un sistema de deseño e fabricación asistida por ordenador (CAD/CAM), que facilita as tarefas de programación das distintas traxectorias de mecanizado; e un simulador virtual, cuxa misión é validar o devandito programa antes de executar a construción dunha peza. Así mesmo, desenvolveu unha interface home-máquina, para facilitar aos operarios as tarefas de preparación e execución dos traballos nos que empreguen este dispositivo.
n
n
As empresas que incorporen á súa cadea de produción este versátil sistema poderán elaborar, cunha soa máquina, pezas de diferentes materiais e formas xeométricas; así como prototipos de grandes dimensións con estruturas complexas. Ademais, con este método, a fabricación é máis rápida, e require un menor investimento en medios materiais, xa que o equipo é significativamente máis económico que un de control numérico (CNC) de prestacións similares.
n
n
Ademais, grazas ao simulador virtual, pódense validar as traxectorias do robot previamente á produción da peza, evitando posibles erros. Así mesmo, unha vez xerado o programa de mecanizado óptimo, a peza fabrícase sen interrupcións, executando de forma continuada as diferentes operacións (fresado, contorneado, tradeado, etc.), mediante unha técnica de cambio rápido que lle permite seleccionar a ferramenta necesaria, identificada no seu propio almacén.
n
n
Outro aspecto destacable é a mellora da precisión lograda durante o mecanizado, grazas a unha redución das desviacións na traxectoria e das vibracións orixinadas no proceso, mediante un deseño pormenorizado e un minucioso axuste do sistema.
n
n
(Fonte: Aimen)
n
n
n
n
n