Agrobiotech presenta a súa terceira edición como unha canle para visibilizar o potencial dos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa galegos

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destaca que a aceleradora Agrobiotech é unha canle para visibilizar as capacidades e o potencial do sector agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa e transformalas en empresas e en emprego. Así o manifestou na presentación da terceira edición deste programa de impulso ao emprendemento que a Xunta desenvolve en colaboración co Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e o CIS Madeira.

Conde destacou que se trata dun programa que ten como obxectivo fortalecer as pemes innovadoras que están a xurdir no sector alimentario, no biotech ou no sector da biomasa, que son tan estratéxicos para a economía galega. De feito, apuntou que, aínda sendo unha aceleradora que forma parte da rede que a Xunta ten en marcha baixo a plataforma StartIN Galicia, é unha das máis enfocadas á consolidación e ao impulso de modelos de negocio de éxito xa demostrado, máis que ao propio emprendemento.

Ao respecto, sinalou que as empresas que participan en Agrobiotech xa teñen un modelo de negocio máis ou menos definido e, durante a súa estancia no programa, reciben todo tipo de asesoramento para consolidalo, para perfilar os seus produtos e para identificar segmentos de clientes e recursos de financiamento. Nese sentido, destacou que ata agora xa son máis de 50 novos produtos os que as empresas participantes lograron posicionar no mercado e que rexistraron un aumento de facturación superior aos 6 millóns de euros.

Segundo apuntou, o balance das tres edicións celebradas deste programa, que contan cun presuposto público de 1,5 millóns de euros, suman 21 empresas participantes, máis de 70 novos empregos creados e máis de 650 asistentes ao encontro final que pecha cada edición Agrobiotech Innovación.

“A través desta aceleradora facemos un traballo concreto, á medida, con cada unha das empresas que se presentan para impulsar o seu crecemento, a súa facturación, e tamén para axudalas a desenvolver aspectos vinculados co seu financiamento, coa súa comercialización e coa mellora de procesos en materia de innovación”, dixo. “Dáse unha resposta á medida de cada empresa dende o punto de vista das súas necesidades”, engadiu.

Novidades da 3ª edición

Esta terceira edición ten como novidades que se adiantou a xaneiro o inicio para conseguir unha maior difusión do programa; que van ser cinco meses os que dure a fase de aceleración, de marzo a setembro; redúcese o número de xornadas de capacitación de catro a dous e van ser agora talleres prácticos; o Encontro Agrobiotech durará un día; incorpórase un showroom no que as empresas disporán dun espazo propio para facer promoción do seu produto; e o programa de conferencias terá un enfoque máis comercial.

Conde concluíu destacando a relevancia dos tres sectores en que está centrada esta aceleradora para o conxunto da economía galega. O agroalimentario, porque representa o 10% do PIB e abarca máis de 2500 empresas, a maioría con presenza internacional. A biomasa, que a Xunta está a impulsar cunha estratexia integral que impulsa o consumo de combustibles para uso térmico ata o 35%. E a biotecnoloxía, porque Galicia é a terceira comunidade onde máis crece este sector -o dobre que a media nacional-, co 8% das compañías biotech de España asentadas aquí e unha Estratexia de Impulso promovida pola Xunta que mobiliza 200 millóns de euros de investimento.

Máis información e inscrición.

(Fonte: Tecnópole)