Un total de 134 reunións entre empresas para facer contactos comerciais, 27 pemes mostrando máis dun centenar de produtos innovadores e unha ducia de relatorios especializados centran o balance das dúas xornadas do Encontro Agrobiotech Innovación, que o pasado venres pechou a súa segunda edición coa participación de máis de 250 representantes de empresas e centros de coñecemento.
Este encontro enmárcase no Programa Agrobiotech Innovación, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e de Tecnópole, onde tivo lugar o evento.
Ao longo de varios relatorios especializados, os asistentes puideron coñecer as últimas tendencias dos sectores da biomasa, a biotecnoloxía e a agroalimentación. A sustentabilidade, a eficiencia e a adaptación aos conceptos da fábrica do futuro e da conectividade foron ideas coincidentes durante as sesións como retos compartidos para os tres ámbitos de actividade investigadora e industrial.
Durante a segunda xornada, foi presentada a primeira incubadora de proxectos de investigación no ámbito do descubrimento de novos fármacos de España, que naceu en Galicia grazas a unha fórmula de colaboración pioneira entre a Administración pública e a iniciativa privada. O acordo entre a Xunta, a Fundación Kaertor e a multinacional Jansenn, propietaria de Johnson&Johnson, está a permitir a captación de ideas procedentes de todo o mundo para que se desenvolvan na incubadora galega.
No ámbito da nutrición, a alimentación personalizada foi exposta como un recurso de enorme valor para aumentar a calidade e a expectativa de vida e reducir o gasto sanitario. A empresa Glecex, situada en Tecnópole e participante no programa de aceleración Abrobiotech, explicou como lograron produtos cunha capacidade antioxidante que multiplica por 15 a dos arandos ou as amoras, recorrendo a materias primas como o baobab, a aronia e o açai.
Os representantes do sector vitivinícola coincidiron en situar as solucións innovadoras na predición de enfermidades no viñedo como o avance tecnolóxico máis relevante para a súa industria. As ferramentas TIC de monitorización e a aplicación de biotecnoloxía aos fitosanitarios foron citados como fitos determinantes.
Sobre a xeración de enerxía a partir de biomasa, púxose de manifesto que está a experimentar unha intensa innovación tecnolóxica con moitas oportunidades para a xestión de recursos forestais e de residuos agrogandeiros e urbanos, pero aínda ten que superar moitos retos para ser rendible e axustarse a uns límites de emisións de gases e partículas que se prevé que sexan cada vez máis estritos na UE.
Ademais, a valorización dos residuos agrogandeiros como fonte de biogás para consumo eléctrico e térmico está a experimentar un desenvolvemento moi destacable en Galicia.
A sesión de peche da xornada centrouse na adaptación das industrias bio á industria 4.0, que se presentou como a ferramenta máis potente na actualidade para levar a innovación centrada no cliente ou usuario ao máximo nivel. Os relatores expuxeron que, a través da implantación nas empresas de novas fórmulas como a intelixencia de negocio, a conectividade e o big data, hoxe poden ofrecer produto personalizado a prezo de produto fabricado a grande escala.
Neste ámbito, a empresa Biomasa Forestal presentouse como a primeira empresa do sector en levar a cabo un plan de dixitalización para a integración na industria 4.0. Este proceso está sendo dinamizado a través do programa Agrobiotech Innovación.
Novos contactos
Ademais da posta ao día nas últimas tendencias dos tres sectores a través dos relatorios, os asistentes contaron cun amplo programa de actividades dirixidas a xerar novas oportunidades de negocio a través da captación de clientes; o contacto con novos provedores; a apertura de novos mercados; e a identificación de socios comerciais, financeiros ou industriais.
Así, as 134 reunións bilaterais concertadas pola organización completáronse con multitude de encontros espontáneos que os asistentes mantiveron na área de networking.
(Fonte: Tecnópole)