A empresa Agroamb, con sede en Tecnópole, é a única integrante galega do grupo líder de traballo do sector agroalimentario da Rede Española do Pacto Mundial de Nacións Unidas (ONU), formado por grandes compañías, pemes e asociacións sectoriais.
Este grupo de traballo ten por obxectivo que as empresas líderes do sector coñezan de primeira man o marco de Nacións Unidas e impulsen o seu traballo en obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS). Ademais, realizou un esforzo conxunto para desenvolver unha guía sectorial que poida axudar ao conxunto das empresas españolas do sector, tanto pemes como grande empresa a empezar a trazar accións para contribuír aos ODS.
Nesta publicación, titulada “Guía Sectorial en ODS: Sector agroalimentario“, examínanse as áreas nas que esta industria ten un maior impacto coa intención de identificar os posibles retos e oportunidades de negocio vinculadas con esta materia.
Grazas ás achegas de todas elas, o informe identifica trinta retos vinculados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) coa intención de trazar un marco transversal que sirva de folla de ruta de cara a 2030. Entre eles, destacan os vinculados co ODS 12, que busca garantir modalidades de consumo e produción sustentables. De feito, o consumidor demanda con cada vez máis frecuencia produtos e servizos responsables, non só dende o punto de vista da súa composición, senón tamén tendo en conta criterios ambientais ou a reputación corporativa da compañía. É máis, estímase que o 75% dos consumidores españois confían máis en produtos con etiquetas ou certificacións de calidade.
A guía inclúe doce tribunas de expertos aliñadas cos trinta retos identificados. Tamén referencia 36 boas prácticas de organizacións líderes, ademais de 174 accións concretas que as empresas poden integrar na súa cadea de valor, enmarcándoas no seu ODS correspondente e identificando 68 indicadores para medir o progreso.
(Fonte: Agroamb e ONU)