O Grupo Agroamb, con sede en Tecnópole, recolleu recentemente o XIII Premio Peme tras resultar galardoado na categoría de medio ambiente. Os galardóns están organizados polo diario Expansión e Ifema, co patrocinio de American Express, Orange e SGR-Cesgar.
Ademais deste galardón, Agroamb foi recentemente nomeada pola Unión Europea como exemplo de negocio europeo de economía circular e, en 2015, fíxose co Premio Aresa.
A historia de Grupo Agroamb é a de dous irmáns namorados do medio rural en Galicia: Severiano e Álvaro Ónega. No ano 2000, decidiron dar unha volta de rosca ao negocio familiar, que ata ese momento se centraba na maquinaria agrícola, e enfocáronse na xestión de residuos orgánicos para fabricar fertilizantes. Así, viron que había unha necesidade incipiente para adoptar os principios da Unión Europea.
Ademais o grupo contaba coa fortaleza do contacto co medio agrario. Agroamb conta cunha planta de valorización de residuos en Ponte de Outeiro, en Castro Rei (Lugo), onde actualmente trata preto de 250.000 toneladas métricas ao ano de residuos biolóxicos. Tamén participa no proxecto Plantadac, que permite valorizar os residuos orgánicos mediante a produción de biogás e un fertilizante de alta calidade. Por outro lado, a compañía está presente no ámbito da agricultura de precisión xeorreferenciada, contribuíndo así ao aforro de enerxía.
(Fonte: Expansión)