Agroamb participa nun proxecto para valorizar xofre

A necesidade de abrir novos nichos de negocio e o compromiso coa eficiencia no uso dos recursos impulsa numerosas empresas a emprender proxectos innovadores. É a filosofía que Agroamb comparte e a que a levou a formar parte dun proxecto, financiado polo CDTI e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, para a valorización e conversión de xofre elemental en fertilizante de alto rendemento.

En concreto, os seus promotores (Repsol, Agroamb, Kiwi Atlántico e Sociedade Agrícola Galega) conseguiron novos produtos fertilizantes a partir de xofre elemental procedente das refinerías, como paso previo para alcanzar un enriquecemento dos campos de cultivo, non só en chans ácidos como os galegos, senón tamén en chans alcalinos como os de Castela e León. Agroamb sumouse ao proxecto, cuxa duración foi de 36 meses, cun investimento de 571.638 euros.

A empresa con sede en Castro de Rei (Lugo) e Tecnópole participou na avaliación da viabilidade da elaboración de estercos orgánicos enriquecidos con xofre elemental como parte da súa formulación e o seu emprego en diferentes tipos de chan e cultivos. Para realizar este traballo contou coa colaboración do departamento de produción vexetal da USC. Os ensaios en campo continúan en Galicia e Castela-León.

Novas liñas de negocio

Agroamb mantén a súa actividade de valorización de residuos biodegradables procedentes na súa maior parte de estacións depuradoras, industrias alimenticias, do papel ou da madeira. O seu principal mercado mantense en Galicia, Castela e León, Asturias e o norte de Portugal. O xerente, Severiano Ónega Ares, asegura que o volume de negocio crece, aínda que as marxes comerciais se viron reducidas, o que obrigou á empresa a adaptarse ás necesidades do mercado e a crear novas áreas de negocio.

Entre elas, a liña de fertilizantes orgánicos para chans básicos, cuxa produción  rolda as 85.000 toneladas e que, como recoñece Ónega, permitiu “a apertura dos mercados na Meseta e Castela e León”. Tamén seguen coa produción de novos fertilizantes con formulacións líquidas de grande éxito comercial.

Agroamb prevé afianzar a súa primeira experiencia internacional. “Ata agora preferimos aguantar e consolidar o mercado que xa tiñamos en España e o norte de Portugal” explica Ónega, pero, tras unha primeira implantación en Paraguai con outras dúas empresas galegas, pensa en fortalecer o mercado exterior.

O grupo cerrou 2014 cun volume de negocio de 10 millóns de euros, unha cifra que esperan aumentar nun 5% neste exercicio.

(Fonte: Expansión)