Agroamb expón a súa experiencia como caso de éxito no programa Re-Acciona

Agroamb, empresa con sede en Tecnópole, foi invitada como caso de éxito no programa Re-acciona da Xunta a relatar a súa experiencia e as claves da súa competitividade nunha xornada organizada a semana pasada na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

A responsable de innovación de Agroamb, Josefa de León, acabada de nomear vogal do Comité Executivo da Rede Española do Pacto Mundial de Nacións Unidas, explicou como o programa xestionado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) lles axudou a mellorar o seu posicionamento no segmento das alternativas sustentables á xestión dos residuos orgánicos xerados pola industria agroalimentaria e nas plantas de tratamento de augas de consumo e residuais.

A empresa de Tecnópole compartiu protagonismo na xornada, titulada “Capacitando empresas, creando oportunidades”, con Casa Grande de Xanceda, dedicada á produción de lácteos ecolóxicos, e o Real Club Deportivo da Coruña.

O programa Re-acciona, que acaba de lanzar unha nova edición, está dirixido a apoiar as pequenas e medianas empresas galegas na súa profesionalización e a súa mellora competitiva.