A empresa Agroamb será a única aspirante galega aos Premios Europeos do Medio Ambiente á Empresa, concedidos pola Comisión Europea, e que subliñan o valor de aquelas firmas que combinan con éxito a viabilidade económica dos seus proxectos coa protección do medio ambiente. A compañía é candidata na categoría “Proceso”, que recoñece a aplicación de técnicas innovadoras que fagan unha aportación positiva no aspecto medioambiental e de sostibilidade aos procesos produtivos.
A sección española dos Premios EBAE, que coordina a Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, recibiu un total de 115 candidaturas procedentes de 16 Comunidades Autónomas, das que o xurado seleccionou 25 como gañadoras ou merecedoras dun accésit. Para saber quen leva definitivamente as distincións a nivel nacional haberá que agardar pola entrega de premios adiada ata o vindeiro outono pola COVID-19.
Agroamb Prodalt
Agroamb Prodalt está especializada na valorización de residuos orgánicos do tecido industrial galego para o sector agrícola e confórmase a través dunha estrutura empresarial que permite pechar o ciclo da produción agrícola, a prestación de servizos agrícolas e de transporte, coa achega engadida da valorización de restos orgánicos biodegradables como fertilizante de uso agrícola.
Fonte: Agroamb