Aeromedia impulsa un 80% a súa facturación con servizos de drons

A empresa Aeromedia, cunha das súas sedes en Tecnópole, consolida a súa actividade pechando o mellor exercicio nos seus sete anos de traxectoria. Especializada na integración de sistemas embarcados e prestación de servizos con drons, incrementou os seus ingresos un 83% o pasado ano, ata os 950.000 euros, sobre todo pola área de inspeccións para a industria.

Esta división é a que seguirá tirando do crecemento de Aeromedia, que prevé facturar este ano entre os 1,5 e os 2 millóns de euros. Aquilino Abeal, o seu director xeral, asegura que xa contan con contratos pechados por valor dun millón de euros. Afirma que a industria aposta cada vez máis por inspeccións en campo a través de drons: “Van amodo, pero o que proba, repite”. É o caso das distribuidoras eléctricas, empresas de telecomunicacións e os mantedores eólicos.

Dende hai dous anos, é representante, formadora e distribuidora de Phoenix Lidar Sistem no sur de Europa, cuxos equipos poden instalarse en drons para realizar a toma masiva de datos terrestres mediante a emisión de puntos láser.

Nicho no audiovisual

Por número de traballadores -ten 16 e incorporará 4 máis este ano- e volume de negocio, é a maior de Galicia en drons de menos de 25 quilos e unha das máis potentes de España. Participada por seis socios -entre eles, dous pilotos de Iberia e Salvamento Marítimo e a familia Chousa, expropietaria de Ingapán- despegou en 2014 e agora ten unha rede de 12 franquías en España.

A súa actividade audiovisual en series como Fariña, Vivir sen permiso ou Cuéntame; as películas de Daniel de La Torre ou colaboracións en El Hormiguero achéganlle outro 15% de ingresos.

Aeromedia ten 20 drons, dous co sistema Lidar. A área industrial representa o 60% dos seus ingresos e consideran que se incrementará, xa que a compañía presentou ofertas que suman 7 millóns de euros.

“As Administracións adoitan ser as nosas clientas tanto por formación a policía local e bombeiros como pola venda de equipos”, asegura Abeal. Os seus drons apoian os labores de socorrismo das praias de Fuengilora xa que, controlados por un piloto, localizan o bañista en apuros e poden lanzar un salvavidas.

Ademais, a compañía toma parte en diferentes proxectos do Polo de Rozas. Para Indra realiza a toma de mostras e datos en augas continentais cun dron deseñado e integrado por ela mesma. Tamén participa no proxecto Terra 3, no que foi adxudicatario xunto con Altia e Cotesa, para axudar á planificación territorial. Aeromedia, ademais, está presente na aceleradora Business Factory Aero, os programas de formación ou no Parque Tecnolóxico de Galicia.

(Fonte: Expansión)